OurenseÚltima hora

A Cabalgata de Reis de Ourense estará acompañada por cinco carrozas e vintenove agrupacións

A temática deste ano é “Un soño de Nadal” e rematará cunha sesión de fogos de artificio
Unha das carrozas da Cabalgata de Reis en Ourense.

Máis de 300 persoas acompañarán aos Os Reis Magos polas rúas de Ourense, este sábado cinco de xaneiro, na tradicional Cabalgata que este ano aposta por que a cativada poida interactuar e xogar cos integrantes da comitiva real. Está previsto que os Reis Magos cheguen a Estación Empalme sobre as 17:30 horas e tralos saúdos a Cabalgata sairá cara ao Concello percorrendo a Avenida das Caldas, a Ponte Romana, a rúa Progreso e a rúa Doutor Marañón, ata chegar a Praza Maior.

Este ano a temática da Cabalgata, realizada polo Concello en colaboración coa Asociación de Belenistas de Ourense e baixo a dirección artística da produtora ourensá Boneca Lareta, ten como título “Un soño de Nadal”. Nela, as Súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar, estarán acompañadas por 29 agrupacións que contarán unha historia a través dos soños das nenas e dos nenos, representados con imaxes oníricas de gran beleza e potencia visual.

As rúas ofrecerán unha chea de sorpresas aos asistentes, como grupos de baile, cisnes inchables que xogarán coa cativada, bolas xigantes con globos e iluminación interior ou aviadores que levan nos seus aparatos agasallos e cartas para os Reis. Tamén monicreques xigantes de peluches, ataviados cos seus pixamas, que irán de camiño as súas camas á espera de que os Reis Magos lles leven os seus regalos.

A comitiva estará encabezada pola banda da Deputación de Ourense e tamén contará coa presenza dos Bombeiros do Concello. Este ano se contará coa presenza dos Bolechas, que participarán no desfile nun bus da Televisión de Galicia.

En total serán cinco carrozas: a do carteiro real, as dos tres Reis Magos e unha que porta os agasallos do Concello de Ourense. Tamén participarán no desfile un antigo camión dos anos 40 con agasallos do Concello e pechará a Cabalgata un autobús eléctrico, tamén repleto de agasallos.

O fin de festa inclúe un espectáculo de fogos de artificio na ribeira do río Miño previsto para ás 20 horas.

Artigos relacionados

Back to top button