ConcellosÚltima hora

A caída da folla das árbores permite descubrir máis niños de velutina en Valdeorras

Dende a Asociación Valdeorresa de Apicultores solicítase a colaboración da cidadanía para localizar no outono os niños secundarios desta vespa invasora

Niño secundario de velutina en Valdeorras./ Foto cedida.

 

Continúan aparecendo niños secundarios de Vespa velutina na comarca de Valdeorras e noutras próximas como é o caso de Quiroga. A caída das follas das árbores permite velos con máis facilidade, por iso dende a Asociación Valdeorresa de Apicultores o seu presidente, Armando Rodríguez, solicita a axuda dos cidadáns para poder localizalos e destruílos. Dese xeito poderá romperse o ciclo vital do insecto, é dicir, evitar que as raíñas que conteñen poida ser fecundadas e, tras hibernar, creen novos niños na vindeira primavera.

“Hai que concienciar á xente para que revise as partes altas das árbores e, se detecta algún, que avise ao 012 para que dende alí se lle comunique ao GES Valdeorras ou ben a Protección Civil do concello, no caso que ese concello sexa colaborador”, indica Armando Rodríguez.

Tamén explica o presidente dos apicultores valdeorreses que os meses de novembro e decembro son importantes de cara a neutralizar os niños nos que aínda están as raíñas coas crías, impedindo así a propagación desta vespa de cara ao vindeiro ano. “O problema que temos nesta zona é que hai lugares con abundancia de sobreiras e outras árbores de folla perenne e, se os niños secundarios están aí, isto complica que se poidan ver”, engade.

Artigos relacionados

Back to top button