ConcellosEn portadaO BarcoÚltima hora

“A Camisa” de Lauro Olmo revive en galego e en formato podcast no seu 60 aniversario

A iniciativa, impulsada polo Concello do Barco, foi posible da man da Quinta do Cuadrante e do Consello da Cultura Galega

 

La Camisa, a obra máis coñecida do dramaturgo valdeorrés Lauro Olmo Gallego (O Barco, 1921-Madrid, 1994) e que lle valeu o Premio Nacional de Teatro, está neste mes de marzo de aniversario. Cúmprense 60 anos da súa estrea en Madrid. E, meses atrás, coa vista posta nesta conmemoración o Concello do Barco facíalle unha encarga moi especial a Tito Asorey, da Quinta do Cuadrante: a realización dun podcast desta peza dramática. A compañía teatral asumía o reto e, partindo da tradución ao galego que fixera no seu momento Ramón de Valenzuela (pero facéndolle unha revisión para adaptala á normativa actual), comezaba a darlle forma a un proxecto, no que ademais involucraba ao Consello da Cultura Galega (CCG).

Esta ficción sonora, con cinco capítulos (de entre 12 e 15 minutos de duración), presentábase esta mañá no salón de actos do edificio Multiusos do Barco nun acto que reunía ao alcalde e a concelleira de Cultura do Barco, Alfredo García e Margarida Pizcueta, así como a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a actriz e representante da Quinta do Cuadrante, Melania Cruz. A quenda de intervenciós abríaa o rexedor barquense resaltando que este 2022 é un ano moi importante para O Barco “dende o punto de vista das letras e das artes porque, ademais de ter o ano adicado a Florencio Delgado Gurriarán, temos o centenario de Lauro Olmo e do pintor Jesús Díaz Ferrer, e dende o Concello imos organizar actos para engrandecer o seu labor”.

Tamén explicaba que estaba prevista a presenza dun dos fillos do dramaturgo, Lauro Olmo Enciso, quen finalmente non puido asistir, pero mandaba unha mensaxe, lida por Alfredo García, para “transmitir o seu agradecemento e felicitación a Tito Asorey e á presidenta do CCG polo espléndido traballo realizado co podcast de La Camisa, escoitei catro capítulos e pareceume un traballo excelente e de gran calidade dramática, froito dunha espléndida dirección de actores realizada por Tito Asorey, quen tamén fixo unha adaptación magnífica ao galego sobre a tradución existente. O cadro de actores é igualmente excelente e acádanse na obra belos e emotivos momentos de intensidade dramática”. Así Lauro Olmo cualificaba este traballo de “fermoso, intenso e emotivo”. Alfredo García finalizaba sinalando que “para o Concello do Barco é unha horna e un orgullo poñer en valor a obra deste fillo predilecto que foi, que é e que será para sempre Lauro Olmo”.

 

Rosario Álvarez, presidenta do CCG.

 

A emigración e o exilio

Pola súa banda, a presidenta do CCG agradecía a acollida no Barco indicando que este é a “primeira vez que estamos realmente aquí como Consello da Cultura Galega e esperamos que este ano sexa dunha intensa relación sempre frutífera para todas as partes”. E amosaba como o teatro unía neste proxecto a dúas figuras galegas de relevancia. “Dun lado Lauro Olmo, preocupado pola situación da realidade que lle tocou vivir, e do outro, Ramón de Valenzuela (Silleda, 1914-Sanxenxo, 1980) , un namorado do teatro galego que fixo gran parte da súa obra no exilio americano. Ademais, Rosario Álvarez reivindicaba a importancia da tradución, que “uniu a estas dúas figuras da cultura”, porque “hai que reivindicar o seu papel como un tipo de creación que permite que a cultura circule, apropiarnos para a cultura galega dun autor que por circunstancias da vida fixo a súa carreira autorial fóra de Galicia e noutra lingua, da mesma maneira que nos permite trasladar a literatura galega a outras culturas que falan outras linguas”.

Así mesmo amosaba outros dous elementos que se enfían esta obra presentada en forma de podcast: “a emigración e o exilio”. E a emigración “non só como temática de fondo da propia obra, senón a biografía emigrante da familia Olmo, co seu pai, con el mesmo, con esta carreira feita por necesidade económica fóra de Galicia. Da mesma maneira que está o exilio americano de Ramón de Valenzuela que traduce esta obra mentres aínda forma parte do ecosistema galego de Bos Aires”. Ademais, Rosario Álvarez matizaba que estes dous autores achegan “dúas olladas complementarias da resistencia contra a ditadura de Franco”.

A presidenta do CCG tamén se refería á escolla do formato podcast. “Cremos que se suma a formatos anteriores, que non substitúe a represetación teatral con públicos que interactúan, pero vén complementalo dunha maneira moi eficaz para recuperar o noso patrimonio teatral”.

 

A actriz Melania Cruz, representante da Quinta do Cuadrante.

 

“Resulta case un agasallo representar personaxes que teñen esta dimensión”

Pola súa banda, Melania Cruz agradecía ao Concello do Barco e ao CCG o seu apoio a esta iniciativa. “Este foi un proxecto que nos abriu as portas a poder chamar a outras actrices e outros autores do país cos que poder facer esta historia de Lauro Olmo”. Así, a obra conta con dramaturxia e dirección de Tito Asorey e cun elenco do que, ademais da propia Melania Cruz e de Tito Asorey, forman parte María Costas, Davide González, Nacho Castaño, Josito Porto e Vanesa Sotelo. A sonorización corre a cargo de Chus Silva.

Outra das pretensións da Quinta do Cuadrante con este traballo é que “se coñeza un pouco a Lauro Olmo, á súa dramaturxia porque é unha figura que por cuestións socioeconómicas se tivo que trasladar a Madrid, pero que fala moito de Galicia A Camisa, fala da miseria que se estaba vivindo nese momento, de tódalas familias que tiveron que emigrar… e danos unha perspectiva moito máis ampla, e máis nestes momentos que estamos vivindo”.

Cruz concluía que resulta “case un agasallo cando nos toca representar personaxes que teñen esta dimensión, que falan de nós mesmos e que contan estas historias. É un traballo moi gozoso que esperemos que chegue a todo o mundo, non só á xente do teatro, que oxalá se poida animar a poñer en escena a nivel profesional e afeccionado a súa obra, para que se dea a coñecer a súa dramaturxia e que iso poida ser un impulso para que a xente se decida entrar en contacto co seu teatro”.

 

Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura do Barco.

 

“Este é un primeiro paso para dar a coñecer a obra de Lauro Olmo”

Finalmente, a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, facía fincapé no proceso de preparación do podcast de A camisa, enmarcándoo na celebración do centenario de Lauro Olmo. Neste senso matizaba que, aínda que “nas procuras dos buscadores aparece que naceu no 1922 el realmente naceu en 1921, algo que sabemos grazas ao labor de Ángel Fernández, que o descubriu hai un tempo. Pero o é indubidable é que hoxe estamos conmerando eses 60 anos da representación por primeira vez de A Camisa, que é a obra máis relevante de Lauro Olmo”.

Pizcueta aseguraba así mesmo que este “é un primeiro paso para dar a coñecer a obra de Lauro Olmo. Nós imos cos tempos e retomámola cun podcast, seguro que a Lauro Olmo lle faría moita ilusión, igual que lle fixo aos seus fillos escoitarse en voces de actores e actrices galegos. Ademais, o día 27 presentaremos outra das súas obras.

Dende este 25 de marzo xa pode escoitarse o primeiro dos capítulos do podcast de A camisa en http://consellodacultura.gal/especiais/a-camisa/ , así como Spotify.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button