CulturaCulturaÚltima hora

A campaña “#ElasFAN” enche Verín e as redes sociais de códigos QR estampados en carteis de cor morada

Esta iniciativa, que se enmarca na celebración do 8M, está deseñada por Farlopa.Fanzine coa colaboración do Concello de Verín e da Asociación de Empresarios de Verín (AEVER)

 

As rúas e as redes sociais de Verín énchense, dende este sábado 6 de marzo, de códigos QR estampados en carteis de cor morada como parte da campaña “#ElasFAN”. É unha novidosa proposta coa que se “procura dar visibilidade ás mulleres da comarca de Verín que “fan cousas” no ámbito cultural. Trátase dunha actividade deseñada por Farlopa.Fanzine coa colaboración do Concello de Verín e da Asociación de Empresarios de Verín (AEVER)”, tal e como se explica dende a organización.

Durante estes días, no marco da celebración do 8M (Día Internacional da Muller), as instalacións do Concello de Verín e os locais pertencentes a AEVER convértense en escaparates para a difusión da obra dun total de 28 artistas da comarca.

“A campaña “#ElasFAN” aproveita o actual auxe dos códigos QR por mor da pandemia para empregalos como ferramenta para reivindicación da figura fundamental de cada unha das mulleres da comarca que “fan cousas” no ámbito cultural. Nos carteis mostrase unha pequena frase que xoga co hastag de “#ElasFAN” relacionándoo coa obra da artista que se esconde detrás do QR. Para descubrir de quen se trata, deberemos escanear o debuxo cos nosos móbiles”, tal e como explican os seus promotores.

Con esta campaña na rúa búscase chegar a unha maior parte da veciñanza e involucrar así a máis axentes na iniciativa. Ademais, dende Farlopa.Fanzine impulsarase unha campaña en redes sociais co fin de difundir as obras das artistas de Verín. Faise un chamamento á participación seguindo e compartindo a obra das artistas mediante o hastag #ElasFAN , un xogo de palabras entre “facer cousas” (termo que fai referencia á creación cultural) e o feito de “ser FAN das artistas”.

“A cultura debe servir tamén como motor para o cambio social. Dar a coñecer o traballo destas artistas é a nosa maneira de facelo ver. A cultura debe estar comprometida coa sociedade e propiciar a creación de comunidades. Debe partir da perspectiva de xénero, dende logo, escapando sempre de calquera tipo de discriminación e procurando contribuír a crear un futuro sostible, no máis amplo dos seus termos”, aseguran Alejandro Nieves Rodrigues e Sabela Domínguez Souto, promotores de Farlopa.Fanzine. “É agradable comprobar que, tanto o Concello de Verín como AEVER, comparten connosco estas motivacións e facilitan que este tipo de iniciativas se leven a cabo”, engaden.

 

 

As artistas participantes foron escollidas de entre as anotadas no Directorio Cultural de Verín que Farlopa.Fanzine puña en marcha o pasado mes de xaneiro e no que xa se inscribiron cerca
dun centenar de artistas, traballadoras e axentes culturais locais. O proxecto promete ter continuidade con futuras iniciativas que vaian dando publicidade ás persoas inscritas e que contribúan, dalgún xeito, a continuar creando comunidade cultural na comarca de Verín, adiantan dende a organización.

Artigos relacionados

Back to top button