CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

A campaña “Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra” recala en Parada de Sil

Trátase dunha intervención do especialista en toponimia Vicente Feijoo, aberta a todo o público, que terá lugar salón de plenos do Concello ás 17:30 h.

Ata o municipio de Parada de Sil, en plena Ribeira Sacra, chegará este venres 23 de novembro a campaña de divulgación da toponimia  “Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra”. O especialista en toponimia Vicente Feijoo, membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, explicaralle ao público o significado e a orixe dos nomes deste concello coruñés e das súas parroquias e aldeas. A intervención, aberta a todo o público, terá lugar salón de plenos do Concello de Parada de Sil ás 17:30 horas.

A RAG coordina a que é a segunda edición de _Toponimízate_ coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Esta acción enmárcase dentro dos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad que coordina a Xunta de Galicia.

_Toponimízate_ chegará desta volta a un total de 15 concellos galegos da Rede de Dinamización Lingüística. As charlas contan coa colaboración, na elaboración das etimoloxías, do académico correspondente Gonzalo Navaza. Ademais de coñecer mellor os topónimos da zona, as persoas asistentes poderán familiarizarse coa aplicación colaborativa _Galicia Nomeada_, na que se está a traballar para a preservación e difusión da microtoponimia a través da xeolocalización.

O público tamén aprenderá a consultar a microtoponimia xa xeorreferenciada no “Buscador de topónimos”. As utilidades desta ferramenta abranguen desde as actuacións sobre o territorio dos técnicos municipais (PXOM, catastro…) ata a promoción turística de elementos de interese cultural e rutas de sendeirismo.

Vicente Feijoo destaca a boa acollida que está a ter a nova edición de _Toponimízate _e_ _agarda que contribúa a salvagardar a riqueza toponímica de Galicia. Este é o obxectivo, indica, da aplicación _Galicia Nomeada_, que estará proximamente dispoñible para dispositivos móbiles. “Servirá para involucrar o voluntariado cultural de Galicia, principalmente a nosa mocidade, na creación da maior obra cultural colectiva do pobo galego. Con ela abriremos unha ventá ao mundo para dar a coñecer parte da historia de cada concello, unha intrahistoria que se agocha detrás de cada nome de lugar”, conclúe.

Artigos relacionados

Back to top button