Eleccións municipaisPolíticaÚltima hora

A candidata do BNG na Rúa aposta pola honradez e por “gobernar para todos”

O mitin-coloquio do Bloque Nacionalista-Asembleas Abertas estivo centrado na problemática dos emigrantes retornados
A candidata do BNG na Rúa, María González Albert, durante a súa intervención. /Foto: Mónica G. Bellver.
A candidata do BNG na Rúa, María González Albert, durante a súa intervención. /Foto: Mónica G. Bellver.

“Pídolles que voten ao BNG porque creo que é o que máis lles convén, o que máis vai defender os seus intereses tanto individuais como colectivos, e o que pode conseguir que nos concellos desta comarca, dentro de 30 anos, non teñan que estar falando como emigrantes retornados senón como galegos que puderon desenvolver o seu proxecto vital na súa terra. O único que necesitamos, coma sempre é ter o pobo detrás”. Con estas palabras remataba a deputada do BNG, Tareixa Paz, a súa intervención no mitin do Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas celebrado na tarde do 20 de maio na Casa da Cultura da Rúa.

O acto, que tamén contou coa intervención dos candidatos nacionalistas á alcaldía da Rúa e de Vilamartín de Valdeorras, María González e Antón Rodríguez respectivamente, e o apoio dos candidatos doutros concellos, estivo centrado na problemática dos emigrantes retornados e na plataforma creada dende o BNG para defender os dereitos dos cidadáns a ese respecto.

María González Albert foi a última en intervir asegurando que “de cara a estas eleccións o que lles podo ofrecer é o noso compromiso de facer un traballo honrado, de traballar por vostedes tanto se nos dan o voto coma se non, porque se trata de gobernar para todos con moita ilusión, para cambiar políticas que se estan levando a cabo na Rúa que creo que só benefician aos de sempre”.

Artigos relacionados

Back to top button