PolíticaÚltima hora

A candidata nacionalista María Albert defende no Barco unha “sanidade próxima e de calidade”

Participaba nun mitin na praia fluvial do Malecón, no que estaba acompañada por Alfredo Suárez Canal e Manuel Agra

 

Os once anos de goberno do PP na Xunta foron “demoledores para Valdeorras”. Así de rotunda se manifestaba a concelleira ruesa María Albert, número 3 da candidatura do BNG pola provincia de Ourense ás eleccións galegas, no mitin que a formación nacionalista celebraba na tarde do 7 de xullo na praia fluvial do Malecón do Barco. “Somos periferia para Madrid e para o PP da Xunta da Galicia, a gran xestión de Feijóo non existe para Valdeorras”, incidía.

E, fronte a iso, Albert plantexaba a necesidade de melloras na comarca en tres eidos principais, un deles o económico. “Valdeorras necesita un pulo económico importantísimo”, dicía, apoiado en dous piares: o sector agrario co viño como referencia e o industrial coa lousa. “A Xunta ten que investir economicamente e tamén facer un plan de desenvolvemento para a comarca que se traduza nun plan de futuro que evite que marche a xente nova”.

En segundo lugar, a candidata nacionalista mencionaba ás infraestruturas de comunicacións. “PP e PSOE pásanse a pelota uns a outros, dependendo de quen goberne en Madrid”. Aludía á situación do ferrocarril, “que é traumática en Valdeorras”, e criticaba tamén o último plan da Xunta de transporte por estrada. “Obrígannos a ir a Ourense para moitas xestións que antes podían facerse aquí, pero deixáronnos sen comunicacións”, resaltaba.

 

 

 

Finalmente, Albert defendía a importancia duns servizos sociais públicos, da sanidade e do ensino na comarca. “Queremos unha sanidade próxima e de calidade”. Nesa liña lembraba que o Centro de Saúde da Rúa “está a ser unha batalla continua” e analizaba tamén a situación do Hospital Público de Valdeorras, “que hoxe é un centro de especialidades. Quedan moi poucos servizos e intentarán quitárnolos pouco a pouco”.

Fronte a iso defendeu o proxecto do BNG. “Neste país hai moita xente con ganas de mudar as cousas e isto pode suceder a partir do 12 de xullo, por primeira vez unha muller á fronte da presidencia da Xunta podería darlle un aire novo a este país”, concluía a candidata ruesa.

Suárez Canal: “O cambio galego é posible, pero hai que tomar partido”

A continuación María Albert cedía a palabra a Alfredo Suárez Canal, tamén membro da lista e ex conselleiro de Medio Rural na etapa do bipartito, quen comezaba a súa intervención destacando que estamos ante unha campaña “atípica” na que a cidadanía non está preocupada polas eleccións, senón polo “futuro do seu posto de traballo, pola sanidade, pola educación, polo modelo de produción que se vai incentivar a partir do que sucedeu na pandemia… Pero o que aconteceu coa pandemia estanos obrigando a pensar a Galicia que queremos para os nosos fillos e a diferenciar cales son as cousas secundarias e as prioritarias”.

 

 

Suárez Cabal puxo en cuestión a convocatoria electoral nunha situación sanitaria como a actual, indicando que “quen a fai quere usar a pandemia para permanecer na nova normalidade coa vella rutina”. Aínda así chamou á mobilización o 12X, indicando, “o cambio galego é posible, pero hai que demostrar o heroísmo tomando partido e non quedándose en casa o 12 de xullo. Hai que dar un salto adiante na historia que coloque a unha muller na Xunta de Galicia, preparada e que defenda un proxecto solvente”. E aludía tamén á posibilidade de que “por primeira vez unha valdeorresa dunha forza non dependente de Madrid entre no Parlamento galego”.

Neste mitin tamén participaba Manuel Agra, quen se refería á situación de abandono que sofre Valdeorras en diversos ámbitos e destacaba a importancia de “contar cun partido galego como a mellor forma de defender os intereses da sociedade galega na Xunta e no Parlamento galego”. O acto abríao Vítor Nieves lembrando as medidas de seguridade sanitaria que debían seguir os asistentes.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button