ConcellosGalerías de fotos

A capela de San Andrés, na Rúa, convertirase nunha oficina do peregrino

A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras celebraban a asemblea anual no Pazo do Castro

A Asociación Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras farase cargo da capela de San Andrés. Así o decidían por maioría na asemblea xeral ordinaria celebrada na tarde do 28 de abril no Pazo do Castro, á que asistía unha vintena de socios.

Incluído no último punto da orde do día, aceptaban a cesión da capela por parte dos herdeiros de Germán Rodríguez, para a futura creación dunha oficina do peregrino no que ademais do selado de credenciais e atención aos peregrinos, haberá documentación e información sobre a historia, percorrido e patromonio do Camiño de Inverno. Tal como adianta a presidenta do colectivo, Asunción Arias, os primeiros pasos irán encamiñados a recompilar toda a documentación sobre a capela cuxa orixe remóntase ao ano 1620, para contactar con Patrimonio e buscar financiación xa que a asociación “non ten montante para acometer os arranxos necesarios, posto que se atopa nun estado bastante precario”, asegura Asunción.

Na reunión tamén se aprobaron algunhas das actividades e andainas para este ano entre as que destacan unha camiñada ata Mondón dende Barxa, no concello do Bolo, prevista para o 1 de xullo; a viaxe ás Médulas que tiveron que suspender o ano pasado por mor das chuvias, fixada para o 27 de maio; ou a ruta á Encomenda proposta para o mes de outubro, entre outras.

Tamén se falou dalgunha das actividades que se levarán a cabo no 2019 para conmemorar o XX aniversario da asociación, como unha exposición e unha publicación con toda a documentación, imaxes e artigos de prensa sobre a asociación, para “darlle visibilidade”, dixo Asunción Arias. Na asemblea decidían estudar a viabilidade da proposta e iniciar as xestións necesarias.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button