Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

A caravana moza das Xuventudes Socialistas de Galicia chega a Valdeorras

O secretario xeral das XSG, Aitor Bouza, visitaba O Bolo na mañá do 15 de abril e pola tarde defendía as propostas socialistas para mellorar a vida da xuventude no Barco

“Hoxe en Valdeorras queremos poñer en valor esa implicación do goberno cos mozos”, destacaba o secretario xeral da Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG), Aitor Bouza, no Malecón do Barco antes de iniciar o reparto informativo nesta vila. Nesta xornada de 15 de abril a caravana moza socialista chegaba ata a comarca de Valdeorras. Pola mañá visitaba o Concello do Bolo e reuníase co candidato socialista á alcaldía deste municipio, Juan Ferreira, e pola tarde trasladábase ata O Barco.

Bouza destacaba na vila valdeorresa a “receptividade que estamos atopando entre a xente nova. Queremos animala a que acuda a votar a Pedro Sánchez por varios motivos. O primeiro deles é o retroceso que se pode levar a cabo que é impresionante porque as propostas da dereita que escoitamos propoñen un modelo de España, de Galicia e de Valdeorras que retrocedería ao Xurásico, por unhas propostas medievais. Fronte a todo iso Pedro Sánchez propón un proxecto no que cabemos todos, fronte a todos eses extremismos que estamos a escoitar por parte da dereita máis transnoitada”.

E citaba medidas concretas como “a renda básica de emancipación dos mozos, que lles vai permitir comezar unha nova vida en dignidade. Imos a ter unha matrícula gratuíta para todos os universitarios”, adiantaba. Bouza estaba compañado polo coordinador provincial das XSG Ourense, o barquense Adrián Borrajo, quen incidía en que “hoxe estamos aquí para mobilizar a xente moza. É moi importante que o próximo 28A se mobilice e vaia votar xa que, que Pedro Sánchez siga gobernando, vai significar que continúen políticas sociais que en noves meses este goberno levou adiante, e moi marcadas en canto á mocidade, como o plan de retorno da xente que está fora. É importante que a mocidade poida quedar e desenvolver o seu proxecto vital aquí no rural”.

Xunto a eles estaba ademais o coordinador comarcal do PSdeG de Valdeorras, Aurentino Alonso, que lembraba que “Ourense é unha provincia que nos últimos anos perdeu 20.000 mozos e mozas que tiveron que emigrar obrigatoriamente porque aquí non teñen posibles e iso é porque se están facendo unhas políticas de emprego que non son as adecuadas e que están facendo que aquí non teñan posibilidades de vivir e de establecerse”. Ademais resaltaba que “o rural ten futuro, ten posibilidades, aquí na zona hai xente nova que se está establecendo e montando negocios viables e que funcionan. Polo tanto, hai que apostar por esas políticas sociais e de apoio á xente nova, ao rural e de apoio a aquelas localidades que están sempre máis desfavorecidas e nos puntos máis lonxanos dos centros de decisión como é o caso de Valdeorras”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button