En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A carreira/ andaina solidaria do CEIP Condesa de Fenosa celébrase mañá, 26 abril, ás oito da tarde

A proba está incluída no prograna Piteas e será para axudar ás protectoras de animais do Barco

“Pelo, Pico, Escamas” é o nome que os alumnos de 4º e 5º do CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa do Barco lle deron ao proxecto co que están participando no programa Piteas. Unha iniciativa na que levan catro meses traballando e que terá o acto central mañá, 26 de abril ás 20h. Será cando arranque a carreira/ andaina solidaria coa que esperan recadar produtos e cartos para as protectoras de animais do Barco de Valdeorras.

A presentación da proba tiña lugar na mañá do 25 de abril no salón de actos do centro escolar, por parte dos propios alumnos: Nara, Roberto, Uxía, Jéssica, Mario, Lara, Nerea, Antón, Álvaro, en representación do resto dos compañeiros. Eles explicaron que a idea xurdíu trala visita no centro dunha das protectoras que lles dixo que necesitaban axuda (comida e medicinas para os animais) porque eles non cobraban. Decidiron axudalos e de paso concienciar á xente sobre o maltrato e o abandono animal e, aínda que houbo outras propostas como facer un grupo musical ou teatro, finalmente foi a carreira a que máis lles gustou así que puxéronse a traballar nela. Pediron os permisos necesarios organizararono todo e mañá será o gran día.

A recollida de dorsais será de 17:30 a 19:30h. no pavillón do CEIP Condesa de Fenosa e a carreira comezará ás oito da tarde dende a porta de Infantil, percorrendo o Malecón, subindo pola rúa da biblioteca, de volta polo Malecón e a rúa Coruña ata regresar ao punto de partida, onde haberá un posto con auga e froita para os participantes que poderán levar ás súas mascotas.

Para participar hai que apuntarse no Concello, no colexio ou nos correos que aparecen nos carteis poñendo o nome, apelidos, DNI e idade, sendo obrigatorio levar material ou penso para cans e gatos.

Ademais, os rapaces fixeron un mercadiño con cousas de segunda man e feitas por eles, libros,… e tamén teñen petos en varios establecementos da vila para recadar cartos para Peludines Callejeros e Patrulla Felina.

Ademais dos profesores que coordinaron a actividade, para levar a cabo esta iniciativa os rapaces contaron coa colaboración de varios patrocinadores aos que deron as grazas publicamente: Supival, Gadis, Froiz, Coviran, AXA Seguros, Concello do Barco, Ambulancias O Sil, Policía Local e Protección Civil.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button