ConcellosEn portadaLaroucoÚltima hora

A Casa do Maior A Modiño, un novo servizo para Larouco

O DOG publica hoxe a resolución dunha orde de Política Social que permitirá crear 71 novos centros: 21 na provincia da Coruña, 15 na de Lugo, 26 na de Ourense e nove na de Pontevedra

Publicidade
Panorámica de Larouco./ Foto: A.R.

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución do 6 de setembro de 2021 das axudas convocadas na Orde do 22 de marzo de 2021 da Consellería de Política Social pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de Casas do Maior e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2021, 2022 e 2023. Así, esta resolución permitirá crear 71 novos centros: 21 na provincia da Coruña, 15 na de Lugo, 26 na de Ourense e nove na de Pontevedra. Isto suporá 355 novas prazas de atención diúrna para galegos de máis de 60 anos.

Nesta nova convocatoria da Consellería de Política Social inclúese unha serie de novidades como que as persoas usuarias non teñen por que ter un grao de dependencia recoñecido, puidéronse solicitar para calquera concello sen recurso de conciliación similar e ofrecéronse axudas para que as persoas promotoras poidan asumir o desprazamento das persoas maiores desde e cara os centros.

Entre as novas Casas do Maior concedidas en Galicia figura unha no municipio de Larouco: a Casa do Maior A Modiño, solicitada por Natalia García Macías, que recibía con moita alegría esta resolución que lle permite levar a cabo un proxecto que vén preparando con ilusión dende hai anos. “Xa levaba moito tempo querendo facer algo así porque eu estou vivindo aquí dende hai algo máis de catro anos. Nacín en Barcelona, pero os meus pais son desta zona e trasladámonos a vivir aquí coa miña familia, e xa dende que viñen para aquí a miña idea era querer traballar coa xente maior. Entón, vin a posibilidade de presentar este proxecto e fíxeno”, conta Natalia García.

Esta Casa do Maior, un novo servizo para este municipio valdeorrés, estará ubicada no local do que foi a sucursal de Abanca, na mesma vila de Larouco. Unha vez concedida a resolución por parte da Xunta, o seguinte paso será o inicio das obras. A intención, se todo vai ben, é poder abrir antes de que remate este mesmo ano.

O Centro de Maior A Modiño contará con 5 prazas e nel desenvolveranse diversas actividades “cos avós da zona no día a día para que non teñan que ingresar nunha residencia, para que poidan facer a súa vida na súa casa e para que estean atendidos nas 8 horas que se presta o servizo, pódese tamén ofrecer que queden a comer”, explica Natalia García. Así mesmo, daráselles a posibilidade dun servizo de transporte. “Pódese transportar aos usuarios se así o piden, pódese ir a recollelos á súa casa e logo volver a levalos, é un servizo que é novo”, engade a promotora da Casa do Maior de Larouco.

Dende o Concello de Larouco tamén se recibe de maneira moi positiva esta resolución. “Estamos contentísimos, o único é que tardou máis do esperado porque estamos falando de que esta solicitude xa é da convocatoria do ano pasado, é algo que non daba chegado, pero por fin xa está aí. É un servizo importante para o noso Concello, o local no que se instalará está moi ben situado, con fácil acceso”, asegura a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela. Así mesmo, destaca que nesta ocasión “a Casa do Maior ten un extra para transporte, o que facilita que te poidas mover para ir buscar á xente, porque habería persoas que ao mellor non poderían acceder a ese servizo”.

Ademais a rexedora sinala que con esta Casa do Maior dase un paso máis, despois de lograr a Casa Niño, que leva xa un ano funcionando neste municipio e “estamos moi contentos con ela”.

 

Artigos relacionados

Back to top button