Entrevistas

“A castaña é un produto marabilloso”

Susi Díaz, xurado do programa Top Chef e unha das poucas mulleres españolas con estrela Michelin

 

Susi Díaz con Ángel e María Fernández, responsables do Hostal La Viuda de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.
Susi Díaz con Ángel e María Fernández, responsables do Hostal La Viuda de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

Cada vez que que ten a oportunidade de viaxar a Galicia, “unha terra que me encanta”, déixase envolver polas singularidades e valores dos seus produtos, tanto do interior, como da costa. Desta volta facíao no oriente ourensán, onde pasaba uns días de vacacións a mediados de xaneiro. Nesta viaxe estivo acompañada de familiares e amigos, entre eles o prestixioso reposteiro Paco Torreblanca. Xuntos desfrutaban da gastronomía ourensá no Hostal La Viuda de Trives e das paisaxes da alta montaña galega.

¿Como entra no mundo da cociña?
Son unha persoa autodidacta, co cal todos os coñecementos que adquirín son da miña nai e das miñas avoas, que eran unhas cociñeiras incribles e que me inculcaron dende moi nena os valores da cociña e do respecto ao produto. Iso é algo que teño que agradecerlles. E, logo, a miña inquietude e as ganas de saber leváronme a facer cursos de produtos e funme preparando en función do que vin que necesitaba. E a partir de aí, o traballo de todos os días co meu equipo, equivocándome, chorando máis dunha vez, sorrindo cando me saían ben as cousas á primeira… E realmente os case vinte anos que levo na cociña funcionaron desa maneira.

 

¿Cal é a clave para conseguir coñecer e dominar os valores do produto á hora crear, de innovar?
O primeiro é amar esta profesión. Cando ti queres algo, cando amas algo con intensidade, os obstáculos para ti son moi doados. Agora temos unha gran vantaxe que é internet. Hai unha enorme cantidade de produtos que saen novos e podes mirar onde os hai, cando é a tempada, onde se crían, quen os pode suministrar… Temos unha facilidade tremenda, está todo ao alcance da man. Dun día para outro podes traer un produto de Nova York, xa non che digo de Europa… É incrible como temos as portas tan abertas e todo tan fácil. Cando eu comecei resultaba moito máis difícil. Era a base de chamadas telefónicas a colegas ou a amigos, a Pedro Subijana a Juan Mari… Tamén a base de ter enciclopedias, libros de consulta… O que hoxe son teclas, antes eran páxinas. Houbo que prepararse moito. Eu estou nunha terra, como é o Mediterráneo, o campo, onde todo o meu entorno o domino perfectamente, pero tamén me gusta introducir pinceladas doutros lugares nos meus pratos.

 

Texto: Ángeles Rodríguez

A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do Periódico O Sil de febreiro.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button