OurenseÚltima hora

A CEO e a Escola Profesional Santo Cristo de Ourense colaboran na IV Semana do Emprendemento

O centro desenvolverá distintas actividades e conferencias ata o venres 24 de xaneiro

 

“Saber adaptarse á continua transformación que vivimos” foi o principal consello que Daniel Diéguez lle deu aos xoves que na mañá do 21 de xaneiro participaban na conferencia “Emprender ou ser empregado, ¿son opcións diferentes?, celebrada na CEO dentro da IV Semana do Emprendemento da Escola Profesional Santo Cristo de Ourense. Daniel Diéguez, consultor en emprendemento social e un dos organizadores do evento Tedx Posío, introduxo aos asistentes na disxuntiva de “crisis vs transformación”, para entender que “na maioría dos aspectos e situacións actuais, falamos dunha transformación, e non dunha crise, que está cambiando todo nas relacións económicas, laborais, sociais, etc”, dixo.

Nunha ponencia participativa, Diéguez trasladou aos xoves, con exemplos e xogos, como hoxendía as empresas buscan xente creativa, que poida afrontar desafíos, sen medo á toma de decisións, persoas dinámicas e emprendedoras, que saiban buscar solucións, “pois unha característica natural no ser humano é a curiosidade e querer facer cousas, pero as normas impostas ou as limitacións impiden levalo a cabo”, dixo Diéguez.

Os asistentes á charla, que se desenvolve para “fomentar o espíritu emprendedor”, son alumnos do centro educativo Santo Cristo, de entre 17 e 25 anos, que proceden dos diferentes ciclos formativos nas ramas sanitaria, administrativa e de imaxe persoal.

Ao longo de toda esta semana, o centro educativo Santo Cristo desvolverá conferencias nas que ademais de nocións sobre o mundo empresarial e o emprendemento, os alumnos terán a oportunidade de atender os consellos e experiencias de empresarios que levaron a cabo unha idea de negocio. O vindeiro xoves día 23 daranse exemplos de emprendemento nas ramas profesionais coas que conta o colexio, como a sanitaria, a imaxe persoal e a administración, coa participación de profesionais que emprenderon en perruquería e estética, xestoría ou podoloxía.

Artigos relacionados

Back to top button