ConcellosÚltima hora

A cesión do antigo Xulgado do Barco ao Concello será unha realidade en breve

Así o anunciaba o alcalde, Alfredo García, durante a sesión plenaria do 10 de xaneiro
Exterior do edificio do antigo xulgado do Barco.

“No mes de xaneiro quedará resolta a cesión do antigo Xulgado do Barco e este edificio pasará a ser municipal”. Anunciábao o alcalde barquense, Alfredo García, ao responder a unha pregunta que lle formulaba o concelleiro de Riada Cidadá, Félix García, no pleno celebrado na tarde do 10 de xaneiro.

“Foi unha xestión bastante complexa, porque ese edificio fíxoo o Ministerio de Xustiza, que logo o traspasou á Xunta o sistema xudicial pero non o edificio, entón estaba como nunha especie de limbo. Pero si é certo que houbo compromiso por parte dos responsables de darlle unha solución e esa solución está aí. Fixéronse xestións con Vicepresidencia para a cesión, xa temos o documento dende novembro, pero esta cesión ten un trámite que hai que seguir”.

O rexedor tamén adiantaba a intención de visitar entre finais desta semana e primeiros da próxima o interior deste edificio para encargar un proxecto técnico. “Temos que ver como está, e o primeiro problema a resolver é o da accesibilidade”. A intención do Concello é trasladar alí a sede da Policía Local e tamén que condicións presenta a vivenda para poñela a disposición dos Servizos Sociais.

Artigos relacionados

Back to top button