En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A CHMS elaborará un estudo para buscar solución aos verquidos da poboación e industriais en Arcos (Vilamartín)

Así o anunciaba o seu presidente, José Antonio Quiroga, na reunión que mantiña co alcalde vilamartinés, Enrique Álvarez, este 23 de xaneiro no Concello

“Hai unha vontade da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) de buscar unha solución para acabar cos verquidos tanto de augas fecais como industriais na zona de Arcos (Vilamartín). Hoxe ponse en marcha un proxecto técnico cun investimento de 18.000 euros para estudar a situación. Nuns meses esperamos ter alternativas enriba da mesa para a sinatura dun convenio e así lograr unha solución definitiva”, aseguraba o presidente do organismo de conca, José Antonio Quiroga, na reunión que mantiña na mañá do 23 de xaneiro co alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro, no Concello.

Quiroga recoñecía que a problemática presenta “certa complexidade porque neste caso xúntanse os verquidos de augas fecais da poboación con verquidos de carácter industrial (principalmente de adegas e do sector da lousa), entón imos facer un estudo pormenorizado. Estou aquí porque queríamos ver in situ a situación porque este problema entronca coa prioridade fundamental da confederación que é o saneamento e depuración das augas, neste caso do río Sil, de ter auga en cantidade e calidade”.

 

O presidente da CHMS, en Vilamartín.

Pola súa banda, o alcalde vilamartinés solicitaba o compromiso da CHMS para que, en canto se saiba cal é a mellor solución, poder acometer o proxecto para levala a cabo. Lembraba que o Concello ten un borrador dun proxecto de 260.000 euros para unha EDAR, pero que ao incluír tamén os verquidos industriais, esta actuación vai superar notablemente esa cantidade estimada inicialmente. “Temos que ver como se pode conxugar todo isto para que podamos darlle forma. Por iso pido que ese compromiso non se quede só nun proxecto técnico, senón que siga para adiante”, apuntaba Álvarez Barreiro.

O presidente da CHMS amosaba novamente o compromiso deste organismo e indicaba que “se estamos aquí, é proba dese interese que temos por rematar co problema, temos un compromiso total para solucionalo”. Posteriomente, José Antonio Quiroga, xunto ao alcalde de Vilamartín e Alfonso Tamayo, do Consorcio de Augas, visitaban a zona de Arcos onde se valora instalar a EDAR.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button