OurenseÚltima hora

A CHMS investiga o verquido do Barbaña ao seu paso por San Cibrao das Viñas

O custe inicial dos labores de descontaminación, que durarán unhas tres semanas, estímase en 100.000 euros

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) activaba o 28 de maio o protocolo de emerxencia anticontaminación, tras avaliar a situación e as posibles actuacións de descontaminación ante o verquido detectado no río Barbaña ao seu paso polo municipio de San Cibrao das Viñas.

“Dada a baixa densidade da substancia contaminante que flotaba na auga, procedeuse a colocar barreiras absorbentes en distintas zonas de remanso situadas entre Ponte Noalla e a EDAR de San Cibrao, actuación que contivo gran parte do verquido e impediu que chegase á zona urbana de Ourense e, posteriormente, ao río Miño”, segundo informa o organismo de conca.

Tamén se procedía á retirada do material contaminante mediante o uso de bombas e cisternas. Ao longo do luns e do martes foron retirados e enviados a un xestor autorizado máis de 5.000 litros de aceites industriais mesturados con auga”, indica a CHMS. E, unha vez conclúa a retirada do material contaminante en contacto coa auga, comezarase a retirada dos restos existentes nas ribeiras, que se atopan adheridos á vexetación e ás rochas. A confederación calcula que a lonxitude do río afectada está en torno a 4 km, “se ben nestes momentos estase realizando unha avaliación máis precisa da afección”.

 

A CHMS investiga a procedencia do verquido e iniciou a fase de dilixencias previas que previsiblemente motiven a apertura dun expediente sancionador contra os responsables do verquido.

Para acometer os traballos de limpeza serán necesarias tres brigadas de 5 persoas cada unha, compostas por persoal especializado e que traballarán de forma manual e coas precaucións necesarias para evitar a extensión da contaminación polos propios labores de limpeza. Esta actuación prolongarase ao longo dunhas tres semanas e o custe inicial da descontaminación estímase en 100.000 euros.

Fotos: CHMS.

Artigos relacionados

Back to top button