OurenseÚltima hora

A CHMS presenta en Xinzo as conclusións do proxecto europeo “LIFE Rexenera Limia”

A iniciativa demostra que “a calidade das augas mellorará coa implicación do sector agrogandeiro”

Seminario de clausura do proxecto “Medio Natural, Agricultura e Gandería”, na Casa da Cultura de Xinzo.

Compatibilizar a actividade agraria e gandeira co bo estado das masas de auga da comarca limiá é o obxectivo do proxecto europeo “LIFE Rexenera Limia” coordinado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), cuxas conclusións eran presentadas na mañá do 25 de xuño na Casa da Cultura de Xinzo de Limia, no marco do seminario de clausura do proxecto “Medio Natural, Agricultura e Gandería”.

O acto era inaugurado polo presidente da CHMS José Antonio Quiroga, acompañado pola alcaldesa de Xinzo Elvira Lama, polo subdelegado do Goberno en Ourense Emilio González, polo vicepresidente da Deputación de Ourense Rosendo Fernández, e por representantes das empresas Ecolagunas e Naturgy, Felipe Fernandez e Javier Agis, respectivamente.

O “LIFE Rexenera Limia” xurde da problemática ambiental e da preocupación social existente en torno á degradación da agua na comarca da Limia e da conseguinte necesidade de frear a situación. Así, durante os últimos 5 anos “traballouse no ensaio e implementación de actuacións piloto que poidan proporcionar a agricultores e ganadeiros as ferramentas adecuadas que lles permitan ter unha actividade produtiva e ambientalmente sostible”, explican dende a confederación, coordinadora do programa co que tamén se pretendeu “aproveitar as funcións de autodepuración dos ecosistemas fluviais e humidais locais, mediante a rehabilitación de tramos fluviais e a conexión de lagunas artificiais desconectadas coa rede fluvial”.

 

No seminario expuxéronse as conclusións do proxecto medioambiental.

 

Para iso, implantouse un sistema de control integrado de xestión de fertilizantes e abonos en solos agrarios, “conseguindo que o utilicen o 80% das fincas adicadas ao cultivo de pataca na zona”, é dicir, 551 propietarios de máis de 3.300 fincas (equivalente a unha superficie de 7.000 hectáreas, un 50% de patacas), que lograron reducir o aporte de abono mineral nun 40%, “o que demostra que é imprescindible a colaboración dos agricultores como parte esencial no coidado do medio natural”.

Neste tempo tamén se traballou na rehabilitación do antigo leito fluvial do río Limia na “Zona de Especial Conservación Veiga de Ponteliñares”, un espazo no que “se reducíu a contaminación e no que se creou un hábitat potencial para a cría de especies catalogadas en perigo de extinción, aumentado, ademais, as poblacións de anfibios”, apuntan dende a CHMS.

En canto ás análisises de calidade das augas, comparativamente entre o meandro de río restaurado e o actual río Limia, destaca especialmente “a redución de nitratos e nitritos”, confirmándose ademais “a redución de concentración de nutrientes na auga ao entrar no meandro co respecto ao río, con porcentaxes de redución promedio superiores ao 55% nos compostos de nitróxeno e fósforo”. Uns resultados moi  positivos que “cumpren os obxectivos con respecto á capacidade de redución de contaminación nos ecosistemas fluviais”, ademais de posibilitar a reconversión de antigas explotacións mineiras en zonas de humidal, coa conseguinte mellora da capacidade de depuración da auga de forma natural.

Con todo, “o inicio do proceso de recuperación teñen que marcalo os agricultores e gandeiros coa súa implicación e colaboración, igual que desde as Administracións temos de fomentar o uso das prácticas utilizadas neste proxecto, así como velar polo seu cumprimento para garantir a necesaria riqueza medioambiental que nos ofrece a comarca da Limia”, concluíu o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga.

 

Artigos relacionados

Back to top button