ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A chuvia obriga a aprazar a procesión de San Roque na Rúa Vella

O traslado da imaxe do santo dende a igrexa de Santo Estevo ata a capela no campo de San Roque será mañá ás 12h. Despois de semanas sen chuvia, a auga volvía facer acto de presenza en Valdeorras na mañá do domingo 18 de agosto, o día no que a imaxe de San Roque debía regresar á capela no campo da Rúa Vella. Comezaba a chover a media mañá pero a esperanza de que escampara mantíñase ata o final da misa.

Despois da eucaristía na honra a San Roque, patrón da Rúa Vella, estaba todo listo para comezar a procesión que levaría a imaxe do santo dende a igrexa de Santo Estevo ata a súa capela no campo de San Roque, pero ante a insistente chuvia, párroco e fegreses decidían aprazar o traslado ata mañá, en torno ás 12h. Despois celebrarase, tal como estaba previsto, unha misa no entorno da capela.

Malia a chuvia, a Agrupación Musical da Limia, que interpretaba un tema durante a misa (cantada polo coro parroquial), dirixíase ata o campo da festa para amenizar a sesión vermú. A festa continúa pola tarde cun concerto da banda na praza César Conti (19h.) e a actuación da orquestra Pontevedra en sesión de tarde e verbena.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button