CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

“A Cidade da Selva” aporta un dos maiores conxuntos de obxectos relacionados coa guerrilla en toda Europa

Os resultados da análise destes restosm que está a realizar nas antigas escolas de Casaio, presentarase nunha charla nese mesmo lugar o vindeiro sábado ás 17h
Algúns dos restos arqueolóxicos recuperados nas escavacións da Cidade da Selva./ Foto: Sputnik Labrego.

Ao longo desta semana o equipo de investigadores do proxecto Sputnik Labrego está a analizar en Casaio (Carballeda de Valdeorras) os restos recuperados nas escavacións arqueolóxicas realizadas en xullo nos montes desta zona nos que estaba a chamada “Cidade da Selva”, os campamentos da guerrilla antifranquista e núcleo central de asentamento da Federación de Guerrillas de León-Galicia. A intervención arqueolóxica, realizada en colaboración coa Comunidade de Montes de Casaio e Lardeira, realizábase concretamente en tres chozos nos contextos das Morteiras e do Teixadal.

Botes de crema, ósos das súas últimas cenas, armamento… son algúns dos moitos materiais obxecto de análise nas vellas escolas de Casaio. Proceden dos chozos e almacenes dese conxunto de campamentos. “A cantidade de obxectos foi espectacular”, tal e como apuntan os directores do proxecto, Alexandro Rodríguez e Carlos Tejerizo, “é, sen dúbida algunha, un dos maiores conxuntos de obxectos relacionados cun movemento guerrilleiro en toda Europa, xunto cos traballos que se están facendo en Grecia o Italia”.

 

Calquera persoa interesada pode achegarse ata Casaio para poder ver esta exposición./ Foto: Sputnik Labrego.

 

Durante esta semana o equipo estará analizando estes obxectos exhumados. “Recuperamos armamento moi diverso, incluíndo balas de fusil producidas na República Checa, Alemaña ou México, as primeiras dos anos 30 e a última de finais da década dos 20. Isto mostraría a reutilización deste armamento por parte da guerrilla despois da Guerra Civil”, explica Mario Fernández-Pereiro, arqueólogo da Universidade de Santiago de Compostela.

“Outro aspecto moi destacado son os diversos obxectos de hixiene persoal da guerrilla, incluíndo un bote da marca Nievina, moi difundido durante os anos 40 e asociadas, entón, hixiene da muller, o que cremos que sinalaría a presenza de mulleres nestas partidas guerrilleiras”, engade Celtia Rodríguez. Todos estes materiais poderán ser vistos por calquera persoa interesada nas vellas escolas de Casaio até o domingo en horario de 10h. a 14h. e de 16h. a 20h.

O resultado da análise deste conxunto de materiais farase público o vindeiro sábado nunha charla ás 17h. nas vellas escolas de Casaio. Será impartida por Carlos Tejerizo e Antonio Romero, da Universidad do País Vasco.

Artigos relacionados

Back to top button