OurenseÚltima hora

A cidade de Ourense e Os Peares protagonizan a curta que clausurará esta edición do OUFF

A peza "Non me espera ninguén", protagonizada por Morris e Isabel Blanco, estrearase na gala que se celebrará o 3 de outubro

“Morris” na Sala de Exposicións do Centro Cultural Marcos Valcárcel.

 

Pepe (Antonio Durán “Morris”) é o xefe do apeadoiro de Os Peares (Ourense). É un home solitario e taciturno que dedicou a súa vida aos ferrocarrís ata que coñece a Helena (Isabel Blanco), unha pintora bohemia e romántica de vacacións no pobo que todos os xoves toma un tren para ir á cidade. Pepe namórase dela pero non se atreve a dicirlle nada e cando parece que definitivamente vai vencer a súa timidez, Helena deixa de aparecer por alí. Xa xubilado, visitando unha exposición de trens eléctricos en Ourense, descubrirá que hai trens que só pasan unha vez.

 

Isabel Blanco no apeadoiro de Os Peares.

 

Este é o argumento de Non me espera ninguén, a curtametraxe dirixida por Amanda Ortega, que se estreará na gala de clausura desta edición do Festival de Cine de Ourense. Trátase dunha comedia romántica protagonizada por Antonio Durán “Morris” e Isabel Blanco e que foi rodada nos últimos meses en Ourense e Os Peares. Baseada nun conto de José Antonio Pastor, conta coa produción de Ézaro Films, comandada por José Montero xunto co gañador de varios Premios Goya, Ángel de la Cruz, que asina tamén o guión.

Unha historia moi ourensá

A cidade de Ourense e Os Peares, lugar de orixe de Morris, tamén son protagonistas nesta obra. O apeadoiro do ferrocarril da vila ou a salas de exposición dos trens eléctricos en miniatura do Centro Cultural Marcos Valcárcel serviron de escenario perfecta para a rodaxe. O círculo péchase coa elección da curta para clausurar o 25 aniversario do certamen ourensán. “Para todos nós é unha honra e un privilexio poder estrear a curta nesta especial celebración do cuarto de século do Festival Internacional de Cine de Ourense e agardamos que sexa o bandeirola de saída para presentala por máis importantes festivais internacionais de cine tanto en España como no resto do mundo. Este é un tren ao que non vamos deixar de subir” afirma o produtor e guionista Ángel de la Cruz.

 

Artigos relacionados

Back to top button