OurenseÚltima hora

A cidade de Ourense homenaxea ao mestre Vide no 125 aniversario do seu nacemento

Os actos do 23 de outubro foron promovidos polo músico Óscar Ibáñez
Ofrenda floral no cemiterio de San Francisco.

Impulsados polo músico Óscar Ibañez, a cidade das Burgas acolle hoxe, 23 de outubro, os actos conmemorativos do 125 aniversario do nacemento do mestre Vide, cos que colaboran a Deputación de Ourense e o Concello de Ourense, co obxectivo de poñer en valor o seu legado cultural.

As actividades comezaron pola mañá no cemiterio de San Francisco, onde tivo lugar unha ofrenda floral no panteón do Orfeón Unión Orensana aos seus directores. No acto, o vicepresidente da Deputación Rosendo Fernández destacou a figura do homenaxeado quen forma parte “da nosa historia cultural”, e dixo que con esta iniciativa “Ourense rende homenaxe a vida e a obra dun ilustre ourensán, recoñecendo a súa traxectoria docente e musical”.

A música durante o acto correu a cargo da Coral De Ruada, que interpretou obras de Vide, mentres que un grupo de gaiteiros da Escola de Gaitas da Deputación, interpretou unha muiñeira inédita composta por Vide. As actividades conmemorativas continuarán pola tarde (20 horas), no Centro Cultural Marcos Valcárcel onde o musicólogo Javier Jurado ofrecerá unha conferencia sobre a vida e a obra do mestre Vide.

 

José Fernández Vide (1893-1981).

 

José Fernández Vide naceu en Ourense o 23 de octubro de 1893, adicándose á música xa dende neno (ingresou no coro con 8 anos). Dentro da súa dilatada traxectoria e produción musical resulta de maior interese a súa obra para piano e para voz e piano, na que se dan dúas correntes de inspiración: a máis propia da zarzuela e o tipo lied de corte alemán, no repertorio en galego, próximo ás baladas de Montes ou Chané. Da súa obra para piano despréndese, ademáis do seu amplo repertorio enxebre, cheo de citas de bailes tradicionais galegos, a súa orientación e preferencia cara a música de salón, cuns valses e pasodobres verdadeiramente eficaces. Posúe suites galegas e pezas enxebres de gran dinamismo e cheas de recursos expresivos de gran acierto. Na escritura coral, aparece a sólida tradición compositiva dos músicos de iglesia, en combinacións para o típico orfeón de voces graves na súa primeira etapa cubana, ou ben cunha ampliación a seis voces mixtas.

Artigos relacionados

Back to top button