SanidadeÚltima hora

A cifra de positivos por coronavirus en Galicia ascende a 18, un deles en Ourense

Recomendacións sobre o coronavirus.

Continúan medrando as cifras de positivos por coronavirus en Galicia. A Consellería de Sanidade rexistra cinco novos casos positivos de infección por coronavirus confirmados polo Centro Nacional de Microbioloxía. “Con estes, son xa un total de 18 os casos confirmados na nosa comunidade, trece na área da Coruña, catro na área de Vigo e un na área de Ourense”, segundo a consellería.

O total dos cinco novos casos están na área da Coruña. Catro deles manteñen vínculo epidemiolóxico e están relacionados co centro cívico de Feáns. A Consellería de Sanidade recomendou hoxe ao Concello da Coruña que proceda ao seu peche preventivo. A Direccion Xeral de Saúde, seguindo os protocolos acordados co Ministerio de Sanidade, mantén aberta a investigación de contactos para previr novos contaxios. Ademáis confirmouse outro novo caso importado nesta área.

Dende este departamento autonómico insisten en que Galicia mantén dende o primeiro momento unha vixiancia permanente a través da rede hospitalaria, atención primaria e 061 para detectar posibles casos e intervir inmediatamente na contención do coronavirus.

Recomendacións sanitarias

Dende o Sergas lémbrase que a Consellería de Sanidade ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116 para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto.

No caso de persoas procedentes dunha viaxe ou que estivesen en contacto con persoas que veñan dunha área de risco e presente síntomas (tos, febre ou dificultade respiratoria), recoméndase que non acuda directamente ao hospital nin ao centro de saúde senón que contacte telefónicamente co 061.

Artigos relacionados

Back to top button