SanidadeÚltima hora

A CIG fala de “intrusismo profesional nos gardas de seguridade” do Hospital de Valdeorras

Dende a Dirección de Recursos Económicos da Área Sanitaria ourensá din que "En ningún caso se contratou a un celador no HPV para facerse cargo da seguridade"

O responsable da CIG en Valdeorras, Francisco Moral./ Cedida.

 

Continúan as mobilizacións dos gardas de seguridade para reclamar o pago dos seus salarios. Por segunda semana consecutiva, dende a CIG Valdeorras denunciábase esta situación nunha rolda de prensa convocada onte no exterior do hospital barquense e na que o responsable desta central sindical na comarca, Francisco Moral, explicaba que se mantén “o retraso de pagos. O pasado luns cumpríuse o segundo mes do impago, pero o máis grave é que estando un compañeiro de seguridade de baixa, os turnos estanse modificando sistematicamente para cubrir as noites”.

Francisco Moral tamén di que “houbo descubertos no Hospital Público de Valdeorras nos que non había garda de seguridade e contrataron a un celador para realizar as funcións dun garda de seguridade co intrusismo profesional que iso xa conleva de por si. A parte de todo iso, esta situación supón que o propio celador, que é unha persoa externa, ten acceso ao cuarto de seguridade onde están as chaves de todo o hospital e onde están as cámaras de vixilancia conectadas, e iso conleva a vulneración de datos”.

O responsable da CIG en Valdeorras tamén di que a información que reciben “é a través da prensa”, matizando que si se manteñen conversas cos gardas de seguridade de Verín, pero non cos de Valdeorras. “O 17 de febreiro o Sergas dixo que se iniciaba un segundo expediente sancionador, cun expediente sancionador automaticamente cesas á empresa actual e contratas unha empresa en condicións, unha empresa que sexa solvente, non como as tres últimas que levan estes dez anos, se lle van pedir que deixen a concesión, ¿onde están os expedientes? ¿quen minte?”, dicía Francisco Moral.

Así mesmo, dende CIG Saúde Suso Vilasánchez engadía que “parécenos unha pasada que metan celadores para cubrir as funcións dun garda de seguridade, agora mesmo estase pagando a unha empresa que nin paga aos seus traballadores nin cumpre o contrato, e nós por riba facemos o seu traballo. O ideal sería que o Sergas asuma dunha vez que os gardas de seguridade son profesionais do Sergas e os meta dentro”.

A reposta do Sergas: “O único obxectivo é procurar unha pronta solución”

Ante estas manifestacións da CIG Valdeorras a Dirección de Recursos Económicos da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras di que no seu “labor de intermediación entre a empresa e os traballadores estableceu unha canle de comunicación directa cos portavoces dos traballadores de Mersant Vigilancia S.L dos hospitais de Verín e Valdeorras, coa indicación explícita de que se lles traslade ao resto de vixilantes, e sen máis ánimo que informar sobre os pasos seguidos, na procura da solución máis ventaxosa para os traballadores. Tanto a resolución do contrato coa empresa actual, como a posterior convocatoria dunha nova licitación para dar cobertura ao servizo, están suxeitas a trámites, vencellados a prazos, que poderían prolongarse”.

Así mesmo indícase que “o único obxectivo desta dirección e procurar unha pronta solución -a máis rápida posible sería que Mersant cedese a adxudicación do servizo a outra empresa- mentres que en paralelo traballa no expediente, ao igual que se procedeu cos atrasos do período anterior, que se levou vía xudicial, e dos que o Sergas asumíu tamen o tercio restante, que correspondía a Mersant, pago que se liberou o pasado 17 de febreiro”.

Novamente, a Dirección de Recursos Económicos da área sanitaria ourensá “lamenta que a situación que afronta esta empresa a nivel nacional estea a afectar a traballadores que exercen nestes dous hospitais, pero convén lembrar que esta empresa ten miles de traballadores en toda España, e no momento da adxudicación garantía seriedade e solvencia económica”.

E no relativo á “baixa esta fin de semana dun profesional de vixilancia no Barco, e grazas a colaboración dos seus compañeiros, puidéronse cubrir as quendas de noite, cando a súa labor faise mais necesaria. En ningún caso se contratou a un celador no Hospital Público de Valdeorras para facerse cargo da seguridade”, din dende a citada dirección.

Artigos relacionados

Back to top button