SanidadeÚltima hora

A CIG impugna ante o xulgado do contencioso administrativo o peche do paritorio de Verín

Ademais solicitou ao xulgado a adopción dunha medida cautelar de suspensión da orde de pechamento

 

Os servizos xurídicos da CIG presentaban o 4 de decembro un recurso contencioso administrativo no xulgado de Ourense contra a Orde do 29 de novembro do 2019 do Xerente da EOXI de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras de pechamento dos Servizos de Paritorio e Pediatría de Urxencias do Hospital Público de Verín.

Ademais do recurso, esta central sindical solicitou ao Xulgado a adopción dunha medida cautelar de suspensión da citada orde de pechamento do paritorio de Verín, “que está a ser tramitada nesta altura”, tal e como vén de informar a CIG a través dunha nota de prensa na que tamén se enumeran as razóns polas cales se tomou a decisión de impugnar tal medida.

Entre eses motivos están, segundo a CIG, que “o “suposto” perigo de perda de destreza dos profesionais sanitarios para atender partos, ao que apela a EOXI para xustificar a supresión de servizo de Paridoiro do Hospital Público de Verín, podería conxurar-se “de existir” sen eliminar o servizo, proporcionando formación aos profesionais ou criando equipas itinerantes (tal e como se viña facendo cos pediatras)”.

Ademais este sindicato entende que “a EOXI, para agachar a falta de dotación de pediatras do Hospital Público de Verín, (figura imprescindíbel para o funcionamento dun servizo paridoiro) xustificou a decisión de supresión na baixa natalidade da zona e na suposta perda de destreza dos profesionais; cando algúns especialistas nin sequera poderían ter perdido destreza porque non teñen praza en Verín: os pediatras”. 

Tamén asegura no seu escrito o sindidato que “a Xerencia da EOXI recoñece que os profesionais do Hospital de Verín van ter que seguir atendendo os partos urxentes que non poidan chegar a Ourense, mais sen pediatra e sen servizo de paridoiro”.

“Admitida a trámite a medida cautelar polo xulgado, o Sergas dispón de 5 días para facer as alegacións que estime oportunas fronte á solicitude da CIG e, logo, o xulgado resolverá sobre se acepta ou non a suspensión da Orde de pechamento do Paridoiro de Verín mentres se substancia o recurso contencioso administrativo interposto”, segundo informa Alfonso Fernández, secretario de Comunicación UC da CIG Ourense.

E no caso de que se aceptarse esa medida cautelar, “a Orde de pechamento ficaría suspendida o que implicaría que o Paritorio do Hospital de Verín continuaría aberto, polo menos, até que o xulgado se pronunciara sobre o recurso contencioso interposto. De non aceptarse a medida cautelar, a orde de pechamento seguiría vixente, á espera de que o xulgado se pronunciase sobre a legalidade ou non do seu pechamento”, indica Alfonso Fernández.

Artigos relacionados

Back to top button