PolíticaÚltima hora

A CIG insiste na necesidade do helicóptero na base de Vilanova (O Barco) ante o elevado risco de incendios forestais en Valdeorras

Aseguran que a carga de comustible e a orografía fan da comarca unha zona de alto risco en condicións climáticas extremas
Eduardo González, Manuel Martínez e Roberto Quiroga, membros do comité de empresa de Medio Rural en Ourense, representantes da CIG./ Foto: Mónica G. Bellver.

Un ano despois de que membros do comité de empresa de Medio Rural en Ourense, representantes da CIG, denunciasen o peche da base de helicópteros contra incendios de Vilanova (O Barco), volvían convocar unha rolda de prensa para “denunciar unha vez máis a deixadez e a pouca sensibilidade que ten a Administración concretamente con este distrito”, en palabras de Roberto Quiroga. Xunto a el, Eduardo González e Manuel Martínez aseguraron que “un ano de marxe para que a Xunta tome cartas no asunto, arranxe o que teña que arranxar e se poda abrir a base, é tempo máis que suficiente. As obras, se hai que facelas teñen que comezar xa e non meterse en campañas de verán, polo que non cremos nas promesas”.

Manuel fixo fincapé na necesidade da base en Valdeorras, unha comarca “onde temos un tipo de incendios moi virulentos, cunha carga de combustible xigantesca, que cunhas condicións climáticas extremas (que agora mesmo non se están dando, por sorte, pero que se poden dar en calquera momento), provocan uns lumes de tal intensidade que os mellores medios de extinción mundiais non poden con eles. Hai que ser realistas, polo que o tempo de reacción é clave nesta situación e tamén que a calidade da operación sexa a mellor posible”. O membro da CIG, incidiu nas abruptas condicións da comarca en canto a orografía con “pobos diseminados en pendentes elevadísimas, un val moi estreito con ventos de ladeira moi veloces, orientado cara o este, pechado cara o oeste,… Sempre houbo un helicóptero e non entendemos porque o quitaron”. Asegura que a súa intención “non é ser catastrofistas” pero si queren que, sobre todo a xente de Valdeorras, analice as circunstancias que se poden dar en situacións extremas. “Un helicóptero no garante que isto non se produza pero axudará a que nunha fase incipiente, o incendio cun potencial destrutivo importante, poda quedar nun conato”.

Con respecto ao medio que debería operar en Vilanova, dende a CIG explican que a opción máis práctica sería desprazar un dos dous helicópteros que hai na base de Río, medios aéreos pequenos, con capacidade para 4 persoas e uns mil litros de auga. “Non habendo outros, son bos porque son moi operativos e chegan rápido aos sitios, aínda que para unha zona coma esta necesitaríase un que levara polo menos 1.500 litros de auga e 9-12 persoas porque a xente é necesaria, e a ser posible que non pasara dos 30 anos”, explica Eduardo, engadindo que non entenden por que Administración retira daquí un helicóptero e na base de Río hai dous. “Outra contradicción pola que se vei claramente que non teñen intención de traer ningún para aquí, é que no propio mapa da Xunta de medios aéreos (Pladiga), a base de Vilanova aparece como alternativa, sen helicóptero (cor azul)”.

A ese respecto, Roberto Quiroga asegura que eses datos pódense comprobar facilmente polo que “convidamos ao deputado da comarca a que se sente connosco para repasar os datos que reflexan eses mapas e os reais. O que aprobaron e o que hai hoxe e se utiliza, porque creo que se din verdadeiras barbaridades sen coñecer a realidade”. Tamén aseguraron que, se realmente se levan a cabo as obras necesarias e regresa o helicóptero, todos contentos, pero do contrario seguirán convocando roldas de prensa para informar da situación porque “a nosa obriga como bombeiros forestais e membros da comisión de empresa é intentar que non haxa un só punto da provincia de Ourense desprotexida, polo que insistiremos ata que isto se produza. Aquí hai suficiente perigo potencial como para non entrar en discusións. Debemos evitar riscos e posibles catástrofes. Dotemos á comarca dos medios necesarios porque os necesita, porque esta é unha zona de alta actividade incendiaria e perigo”, concluía Manuel.

Artigos relacionados

Back to top button