SanidadeÚltima hora

A CIG rexeita o peche de camas de medicina interna no verán no HCV

Tamén critica o “trato de desprezo que sufre” o Hospital do Barco
Entrada principal do Hospital Comarcal Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

A sección sindical da CIG no Hospital Comarcal Valdeorras (HCV) no Barco vén de emitir o 12 de xullo un comunicado de prensa no que critica o “trato de desprezo que está a sufrir este centro e a situación de risco á que se expón a poboación deste distrito santiario ao contar na actualidade cun só anestesista activo pola non cobertura de permisos. Esta situación fai que ese profesional teña que atender tanto a cirurxía programada como a urxente, así como a administración de anestesia epidural no caso de parto”.

Ademais esta sección sindical rexeita o “peche de camas de medicina interna durante o verán, polo que esixen a súa apertura, xa que este peche só responde a intereses económicos de non cobertura de persoal”.

Tamén demanda a CIG que se “garanta a cobertura dos permisos de pediatría tanto no HCV como na Atención Primaria” e amósase moi crítica coa “política de derivación de efectivos dende o PAC do Barco a “outros centros sanitarios da provincia como aconteceu na última fin de semana de xuño, cando pretenderon deixar só unha facultativa un sábado para atender a toda a poboación dependente do PAC do Barco, ao desprazar ao seu compañeiro para cubrir unha ausencia noutro lugar”. E, finalmente, critica as “supostas e nunca vistas vantaxes da reforma da Lei de Saúde de Galiza”.

Artigos relacionados

Back to top button