PolíticaÚltima hora

A CIG Saúde critica a situación da Atención Primaria en Valdeorras

Un dos seus delegados, Jesús Vilasánchez, daba unha rolda de prensa valorando a realidade sanitaria da zona na sede do BNG no Barco

 

Jesús Vilasánchez, delegado da CIG e responsable en Valdeorras do BNG, na rolda de prensa.

“Queremos advertir do caos que agocha un auténtico derrubamento da sanidade en Valdeorras e do malestar dos profesionais”, dicía Jesús Vilasánchez Feijóo, delegado de CIG Saúde e un dos responsables do BNG en Valdeorras, na rolda de prensa na que comparecía xunto á súa compañeira de sindicato María Dolores Rodríguez na mañá do 26 de novembro. A convocatoria tiña lugar ademais na sede do BNG no Barco, unha escolla que non foi casual.

“Moitísimas veces, polos problemas que hai tanto cara os profesionais como cara os pacientes, acúsasenos de facer política. E porque estamos cansos de oír dicir ao xerente da EOXI de Ourense que facemos política cada vez que os sindidatos defendemos a sanidade pública, os dereitos dos pacientes e traballadores é polo que estamos aquí, para dicirlle que as decisións en estratexia sanitaria son decisións políticas e dependen sempre do grupo político que estea no goberno, del depende facer da sanidade un negocio ou volvela manter como un dereito social”.

Vilasánchez valoraba a situación sanitaria do actual distrito de Valdeorras, facendo especial fincapé no referente á Atención Primaria. E aseguraba, entre outras cuestións, que se “deixan sen cubrir as gardas localizadas da ZEU (Zona Especial de Urxencias) da Veiga-O Bolo, e pasan a atención da Veiga ao PAC de Viana e a do Bolo ao PAC do Barco. No caso do PAC de Viana, cando isto sucede obriga a un só médico a atender as urxencias, demandas e atención domiciliaria dun territorio de 747 km2, con 91 parroquias e 4.429 habitantes aproximadamente. Isto é unha poboación excesivamente dispersa e nunha zona de montaña. Para nós isto é unha situación perigosa que calquera día rematará nunha desgraza por máis que se poida discutir de isocronas de 30 minutos ou de ratios de poboación”.

O delegado de CIG-Saúde aludía tamén á situación do Barco. No seu PAC, dicía, “de oito prazas de médico hai cubertas sete, falta unha, pero por contra, dous médicos con praza neste PAC están en comisión de servizos, un en Ourense no PAC e outro no Centro de Saúde de San Amaro, e os médicos do PAC do Barco vense na obriga de cubrirse entre eles”.

Indicaba ademais que no “Centro de Saúde do Barco xubílase nun ano un médico e en dous anos outro máis, hai tamén un médico que se xubilou e cuxa praza segue sen cubrirse, é unha praza orzamentada con cupo 0. O xerente da EOXI afirmaba en Rubiá que no Barco hai 5 médicos con cupos de 1.800 pacientes e tamén que cubriría a outra praza de médico en Rubiá se pasaban de 1.017 a 1.300 tarxetas sanitarias, que era o promedio da EOXI por facultativo. Os sindicatos estamos tamén fartos de pedir información sobre como pensan solventar as xubilacións e as ausencias de médicos, pero a resposta é sempre a mesma, o silencio”.

Vilasánchez considera que existe unha “falta de respecto cara aos profesionais de Atención Primaria cando, por exemplo, non se lles contesta ás peticións de permisos en moitísimo tempo. Isto créalles inseguridade absoluta de saber se poden ir ou non de vacacións, ou se teñen ou non concedido un permiso. Este é un dos motivos polos que os facultativos abandonan a área. Unha das cousas que nos interesaría saber é porque non quedaron aquí os profesionais de medicina de familia que remataron estes anos o MIR. Aínda que non nos contesten nada, pensamos que pode ser porque reciben mellores contratos en áreas adxacentes como a de Monforte”.

 

Artigos relacionados

Back to top button