SanidadeÚltima hora

A CIG-Saúde O Barco denuncia un “desmantelamento paulatino da carteira de servizos do Hospital Comarcal Valdeorras”

Este sindicato di que á perda de servizos súmanse "os graves problemas que hai no quirófano"

Exterior do Hospital Comarcal Valdeorras no Barco.

 

Dende a sección sindical CIG-Saúde da área do Barco vén de emitirse un comunicado alertando de que “coa perda da actividade de dermatoloxía no Hospital Comarcal Valdeorras dase un paso máis para o desmantelamento paulatino da súa carteira de servizos. Lembremos que non é o primeiro servizo que desaparece, uroloxía, rehabilitación, preventiva e ata cardioloxía, desapareceron antes (agora veñen 1 ou 2 días á semana de Ourense)”, aseguran dende o sindicato.

Tamén sinalan no seu comunicado que a esa perda de servizos súmanse “os graves problemas que hai en quirófano, o que nos fai pensar que teñen tomado a decisión, de non sabemos ben, se eliminar as intervencións cirúrxicas ou deixalas baixo mínimos, posto que botamos 3 semanas sen intervencións programadas de cirurxía xa que, dos 3 cirurxiáns que hai, un estaba de vacacións, outro de baixa e o terceiro ten unha redución de xornada, as gardas deste servizo estaban sendo cubertas por cirurxiáns que veñen de Ourense e Vigo. A partir do día 13 de novembro marcha un dos cirurxiáns, a única que está en activo neste momento a xornada completa, polo que os problemas a partires de ese día vanse acentuar nese servizo, sen que se nos notificara que solución lle vai a dar o Sergas”.

CIG Saúde engade que algo “parecido pasa no servizo de traumatoloxía, onde hai 3 traumatólogos, dos que unha deles está de baixa longa sen cubrir. Todo o mes de decembro un deles vaise de vacacións, polo que vai quedar un só traumatólogo de garda dende o 28 de novembro ao 2 de xaneiro. Se falla este trauma, teremos que ir a Ourense para calquera intervención”.

O sindicato di tamén nesta nota de prensa que “en atención primaria segue a haber problemas na cobertura de gardas do persoal facultativo localizado para urxencias en A Veiga e O Bolo, obrigando en moitas ocasións a desprazarse a O Barco ou Viana á poboación deses dous concellos”.

Resaltan asimesmo que “a supervivencia do HCV é básica para toda a poboación dos concellos que atende, e todo parece indicar que nolo están desmantelando servizo a servizo, e é responsabilidade de todos facer fronte ás políticas que levan a súa desaparición”. Aseguran tamén que botan en falta “o posicionamento firme en defensa do HCV e unha sanidade pública por parte de case tódolos partidos políticos. Preguntámonos: qué máis ten que pasar para que organizacións políticas e sociais tomen conciencia do deterioro paulatino que sofre a sanidade das nosas bisbarras?”.

Esta sección sindical tamén adianta que está traballando na organización dunha serie de actos, que, “de seguir así, serán anunciados no seu día, coa intención de concienciar á sociedade da terrible realidade que está a sufrir o noso hospital”.

Artigos relacionados

Back to top button