ConcellosÚltima hora

A clínica veterinaria barquense Bichos, a única da provincia co certificado “Cat Friendly Clinic”

Este recoñecemento internacional outórgao a Asociación Internacional de Medicina Felina (ISFM) e acredita que este centro cumpre co estándar “Clínica Amable cos Gatos”
Representantes da Clínica Veterinaria Bichos do Barco, coa acreditación./ Foto cedida.

Por segunda vez a Clínica Veterinaria Bichos do Barco vén de recibir o certificado “Cat Friendly Clinic”, que concede a Asociación Internacional de Medicina Felina (ISFM), unha división veterinaria da organización benéfica International Cat Care dedicada a mellorar a saúde e benestar dos gatos a nivel mundial.

“Esta certificación, única en Ourense e a sétima en Galicia, supón un estándar moi elevado na atención e coidado dos gatos e que todo o persoal entende as súas necesidades e sabe como achegarse a eles e manexalos para facer as consultas máis agradables. Non hai que esquecer que, ante unha visita ao veterinario, os gatos séntense sometidos a un forte estrés xa que son moi sensibles ás novas vistas, sons e olores e, ademais, séntense presionados pola cercanía de cans nas clínicas”, sinalan dende a Clínica Veterinaria Bichos.

Tamén destaca que o recoñecemento de ISFM garante unha “experiencia e unha formación específica en medicina e cirurxía” xa que deben realizar unha formación adicional anual obrigatoria para manterse ao día dos últimos avances clínicos. Ademais, “ser unha clínica Cat Friendly obriga a contar cunhas instalacións adaptadas aos gatos segundo a normativa internacional de ISFM. Isto significa, entre outras cousas, ter unhas instalacións felinas totalmente separadas para garantir o benestar dos pacientes felinos (consultas, sala de espera, hospitalización…)”.

Artigos relacionados

Back to top button