PolíticaÚltima hora

A coalición Marea Galeguista non logra representación parlamentaria

Milagros Corral, cabeza de lista por Ourense, lamentou os resultados e afirmou que seguirán traballando

Milagros Corral e Pancho Casal na sede de Marea Galeguista.

 

A coalición electoral liderada por Pancho Casal, Marea Galeguista, non acadou os votos suficientes nas eleccións autonómicas do 12 de xullo e queda fóra do Parlamento do Galicia.

Milagros Corral, cabeza de lista por Ourense declarou, tras coñecer os resultados, que sentía unha “certa desilusión porque pensábamos chegar máis á xente”. A política tamén destacou que os malos resultados poden deberse á recente creación da coalición electoral e espera melloralos nas próximas eleccións municipais. Corral tamén quixo felicitar ao Bloque Nacionalista Galego polos seus resultados e considera que “iso significa que os galegos temos un sentimento de nación”.

 

A cabeza de lista por Ourense, Milagros Corral.

 

O candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Pancho Casal quixo “pedir desculpas á cidadanía que nalgún momento se ilusionou con este proxecto” pero afirmou que a coalición seguirá traballando para construír unha Galicia “moderna, feminista, que aposte por unha economía verde e sustentable e na que ninguén teña que sufrir polas políticas de recortes de servizos públicos”.

Casal tamén lamentou a primacía dos partidos tradicionais e considerou que con isto “péchase a posibilidade de políticas de cambio”. O cabeza de lista da coalición cre que “a disputa interna e os ataques externos contra un proxecto de pluralidade progresista e galeguista levaron á rutura do mesmo polos partidos que fundran En Marea. As dificultades de xestión dos “concellos do cambio”, a falta de recursos nun tempo de recortes (tasa de repoición e outros) e a falta de experiencia política de moitos dos activistas das Mareas lastraron a xestión municipal que pretendía ser espello de cambio no país. Igualmente evidenciase agora que o que pretendiamos un gran movemento popular era moi dependente do traballo institucional, e este foi vítima dos problemas arriba indicados, e que eclipsaron a nsa actividade propositiva no parlamento galego”.

 

Pancho Casal durante á súa declaración.

 

Fotos: cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button