Dende o Hospital Comarcal de Verín partirá mañá sábado ás 17h. a manifestación convocada en defensa da sanidade pública na comarca de Monterrei e “contra o desmantelamento dos servizos sanitarios”. Este acto reivindicativo ten lugar días despois a decisión do Sergas de pechar o paritorio deste centro sanitario.
O goberno municipal de Verín emitía o 28 de novembro unha declaración de apoio a esta manifestación, indicando que “un dos temas que máis alarma social está provocando na veciñanza do concello e da comarca é o gravísimo deterioro da sanidade pública. Un deterioro que é resultado dos severos recortes e privatizacións”.
Neste senso o Concello de Verín condea “a política de recortes. Nomeadamente, o peche do paritorio, decisión política que condea ás mulleres do noso municipio a non ter unha calidade asistencial de proximidade” e esixe á Xunta unha mellora nos servizos sanitarios da zona.