OurenseÚltima hora

A comedia dramática “A leituga” chega este xoves ao Auditorio Municipal de Ourense

‘Morris’, Mercedes Castro, Federico Pérez, María Vázquez e Xosé Barato forman o elenco desta obra que comezará ás 20:30h.
Os protagonistas da obra de teatro “A leituga”.

“A leituga”, comedia dramática que convida ao público a reflexionar sobre as relacións familiares e o reparto dos coidados, chega este xoves ao Auditorio Municipal de Ourense.

Da man dos populares actores Antonio Durán ‘Morris’, Mercedes Castro, Federico Pérez, María Vázquez e Xosé Barato, a obra de teatro aborda en clave de humor un conflito familiar polo que todos pasamos ou pasaremos nalgún punto das nosas vidas: como actuaremos no momento en que os nosos pais se aproximen á morte. A montaxe dirixida por Víctor Duplá achéganos unha reflexión teatral ao respecto dos coidados e as relacións familiares a través de cinco personaxes que se han mover entre a esperanza e a aceptación, o sacrificio e a culpa, o afecto e o rancor. “A peza fala da responsabilidade que temos, como individuos, de medrar”, indica Duplá, subliñando a universalidade da obra e a proximidade coa que o equipo se implica nela. “Fala tamén de todos os que estamos neste proxecto porque fala do lugar do que saímos todos. Fala da decadencia da familia tal como a entendemos en Occidente”.

“A leituga” transita por ese camiño do medio entre a comedia e o drama, o que levará aos espectadores a observar entre o riso e a reflexión as consecuencias do reparto dos coidados nas fráxiles costuras dos afectos familiares entre pais e fillos, parellas e irmáns.

Emedous leva a escena un texto do autor venezolano César Sierra, autor e director caraqueño que se iniciou na escrita dramática e na dirección en 1984. Dende aquela, dirixiu máis de trinta obras en países como Venezuela, Estados Unidos, Arxentina ou España. “A leituga” estreouse en Nova York, Miami ou Santiago de Chile para agora chegar a Galicia coa dirección de Víctor Duplá e un elenco ben coñecido para os espectadores galegos, tanto para o público da escena coma para o do audiovisual.

A cita é este xoves 24 de maio ás 20:30h. e as entradas xa están á venda a partires de 5 euros.

Artigos relacionados

Back to top button