OurenseÚltima hora

A comisaria do Xacobeo 21 reúnese en Ourense con asociacións de amigos do Camiño de Santiago

Este encontro permitiu avanzar no compromiso da creación dunha mesa de traballo entre a Xunta e as asociacións co fin de "vanzar en novos proxectos" na antesala no vindeiro Ano Santo

 

Na mañá do 24 de outubro, a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, e o director de S.A. Xestión do Plan Xacobeo, Isaías Calvo, reuníase en Ourense cunha vintena de asociacións de amigos do Camiño de Santiago e outros colectivos vencellados coa Ruta Xacobea nun encontro no que salientou o carácter participativo do vindeiro Ano Santo. Pereira destacou que “a contribución deste tipo de entidades e de todos os axentes da sociedade é fundamental para facer do próximo Xacobeo 21 unha celebración transversal, que busca a implicación de toda a cidadanía galega, que todos sintan como propia e que non deixe fóra a ninguén”.

Á reunión acudiron representantes das asociacións de Amigos do Camiño de Lugo, Sarria, Mondoñedo, Amigos dos Pazos de Vigo, AGACS, Lalín, Valdeorras e Ribeira Sacra. Precisamente, un dos puntos tratados entre estas entidades foi o de celebrar unha asemblea en Santiago o vindeiro mes de decembro para constituír a Mesa de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, co fin de “ter unha interlocución máis directa coas administracións e trasladar as inquedanzas, proxectos ou problemáticas que desde cada asociación detectan en relación cos camiños que van a Santiago”, aseguran dende a Asociación de Amigos Vía Plata Camiño Mozárabe, en cuxa sede tiña lugar o encontro.

Un encontro que permitiu avanzar no compromiso da creación dunha mesa de traballo entre a Xunta e as asociacións de amigos do Camiño co fin de avanzar en novos proxectos na antesala do Xacobeo 21. Trátase dun acordo acadado co obxectivo de “ampliar a fecunda colaboración entre o Goberno galego e o movemento asociativo xacobeo, que durante anos ven traballando na difusión dos valores da peregrinación a Santiago”.

Artigos relacionados

Back to top button