SanidadeÚltima hora

A comisión interdepartamental en materia de educación e saúde avanza na planificación do vindeiro curso escolar

As consellerías de Sanidade e Educación acordan crear dous grupos para desenvolver accións de benestar emocional e hábitos saudables no alumnado

Imaxe da xuntanza.

 

A Comisión Interdepartamental en materia de educación e saúde, presidida polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e polo de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, analizaba, na reunión celebrada hoxe pola mañá, a situación epidemiolóxica do Covid nos centros educativos e facía balance das medidas relacionadas coa seguridade sanitaria así como da importancia de avanzar na planificación do vindeiro curso escolar, tendo en conta tamén aspectos como os hábitos e espazos saudables e o benestar emocional.

“A finalidade desta comisión é establecer, de forma permanente, a coordinación e o impulso necesarios para o desenvolvemento de iniciativas de promoción, protección e educación para a saúde”, segundo sinala Sanidade. Na xuntanza abordáronse asuntos que esixen a colaboración e o traballo conxunto das devanditas consellerías, como é o fomento dun estilo de vida saudable na infancia, a xestión da pandemia no ámbito educativo e as consecuencias que poida provocar a mesma nos estudantes.

Ambos conselleiros veñen de remitir unha carta ás ministras destes departamentos, manifestando a necesidade de que se convoque a Conferencia Sectorial de Educación e o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, para que o Goberno de España e as comunidades autónomas definan, de maneira conxunta e dialogada, os aspectos centrais da planificación do vindeiro curso.

Grupos de traballo

Os dous departamentos da Xunta acordaron a creación de dous comités interdepartamentais para avanzar na coordinación de materias. O primeiro deles abordará a promoción dos hábitos de vida saudables, a sensibilización sobre o consumo de alcol e drogas e o establecemento de contornas promotoras de saúde no ámbito educativo. O segundo dos comités que se crearán, referido ao benestar do alumnado, fomentará proxectos coordinados para promover o benestar emocional e aproveitar as ferramentas tecnolóxicas para a avaliación do estado emocional.

Outros temas tratados na reunión foron continuar colaborando en materia de calidade nutricional dos menús escolares, como se vén facendo ata o de agora; a distribución nos centros de ensino da guía O ABC da alimentación saudable, que será enviada aos centros educativos para que se poida utilizar como ferramenta de apoio; os contidos relacionados coa educación da futura Lei galega de prevención de adiccións en menores ou os programas de redución do sedentarismo.

Artigos relacionados

Back to top button