DeportesÚltima hora

A Concentración de Escolas de Rugby de Galicia reunirá en Ourense a máis de 400 deportistas

A 4ª edición deste evento deportivo celebrarase mañá 11 de xaneiro no Campo de Oira a partir das 11 horas

Bernardino González, Borja Leyenda, Rosendo Fernández, Américo Gómez e David Monreal.

 

Máis de 400 deportistas de diferentes puntos de Galicia participarán mañá, sábado 11 de xaneiro, a partir das 11 horas na 4ª Concentración de Escolas Federación Galega de Rugby 19/20 e no 1º Torneo “Ourense, a provincia termal”, probas nas que participarán nenos das categorías sub6, 8, 10 e 12 que se disputarán no Campo de Oira.

Os equipos que se dan cita nestas importantes probas do calendario do rugby galego son de Ourense, Pontevedra, Ferrol, Viveiro, Lalín, Lugo, Santiago, A Coruña e Vigo. Por categorías participan 25 deportistas sub6; 109 sub8; 140 sub10 e 158 sub12.

A presentación do evento escolar tiña lugar esta mañá no Pazo Provincial e contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense Rosendo Fernández, do vicepresidente do Campus U. Ourense R.C. Borja Leyenda, do coordinador das Escolas de Rugby Américo Gómez, do director deportivo do club David Monreal, e do asesor de Deportes da Deputación Bernardino González.

 

Presentación da 4ª Concentración de Escolas de Rugby e do I Torneo “Ourense, a provincia termal”.

 

Rosendo Fernández valorou esta actividade, que contará con deportistas de entre 6 e 12 anos de 12 equipos galegos, como un evento “que contribúe a expandir e promover o rugby na provincia de Ourense, ademais de educar en valores por medio dun deporte no que destaca a solidariedade e o respecto”. Na mesma liña, Bernardino González salientou “o traballo que desenvolve o Campus Ourense Rugby para dar a coñecer e inculcar este deporte no ámbito escolar na nosa provincia”, “un deporte que conta con máis de cen nenos participantes nos diferentes institutos e colexios nos que se traballa, en colaboración cos profesores de educación física”, indicou Américo Gómez, e que se leva a cabo nas localidades do Barco, Ribadavia, Carballiño, Allariz e na capital ourensá.

David Monreal, pola súa parte, agradeceu o apoio da Deputación de Ourense “para poder desenvolver este torneo e para que o rugby siga visualizándose na provincia de Ourense”, mentres que Borja Leyenda salientou “o feito histórico que nesta cuarta edición participen máis de 430 rapaces”, agradecendo ademais o labor que van realizar voluntarios, técnicos e familiares dos xogadores para que mañá sábado este encontro sexa un éxito”.

 

Artigos relacionados

Back to top button