En portadaÚltima hora

A conexión con Valdeorras mantense nas Letras Galegas do 2023

A dona do autor homenaxeado, Francisco Fernández del Riego, era a barquense Evelina Hervella

Francisco Fernández del Riego, nunha imaxe tomada no ano 2000./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Valdeorras convertíase en protagonista das Letras Galegas ao longo deste 2022, dedicado ao poeta corgomés Florencio Delgado Gurriarán. Pero a conexión entre as Letras Galegas e a comarca tamén se manterá no vindeiro ano. Onte no plenario da Real Academia Galega (RAG) acordábase homenaxear o 17 de maio do 2023 a Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010).

Este intelectual, que foi tamén presidente da RAG e dirixiu durante décadas a Academia Penzol, casaba coa farmacéutica valdeorresa Evelina Lucila Crisóstoma Hervella Nieto (O Barco de Valdeorras, 1908-Vigo, 2007). A súa dona era irmá de Tertuliano Hervella, avogado e historiador local, e filla do notario Antonio Hervella Ferreira. Coñecía ben a comarca e tiña pasado nela algunha tempada de descanso, tal e como el mesmo lle comentaba ao Periódico O SIL nunha entrevista que lle concedía no ano 2000, cando presidía a Academia.

A súa elección como autor homenaxeado nas Letras Galegas faise cadrar coa celebración do sesenta aniversario do primeiro Día das Letras Galegas “do que foi inspirador”, destaca a RAG, e cos cento dez anos do seu nacemento. “O ano 1963 foi unha data moi significativa para a historia da cultura galega porque se produciron tres feitos: a inauguración da Biblioteca Penzol, o Día das Letras Galegas e a aparición do primeiro número da revista Grial con carácter trimestral”, resaltaba na entrevista xa citada que mantiña do Periódico O SIL.

Con motivo da celebración das Letras Galegas de 1994, dedicadas a Luis Seoane, Fernández del Riego foi o mantedor na inauguración do mural cerámico de Gerreiro e Lomarti, na honra de Seoane, que está na rúa Lauro Olmo do Barco, xunto ás escaleiras que soben e conectan esta rúa coa avenida Marcelino Súarez, en pleno centro do Barco.

Artigos relacionados

Back to top button