EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A Confraría do Viño de Quiroga percorrerá a vila o 17 de xullo

Membros da Confraría de Viños de Quiroga, nunha imaxe tomada na feira do 2018./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Confraría do Viño de Quiroga participará un ano máis nos actos da Feira do Viño. Ademais de estar presentes na inauguración da feira o día 24 de xullo, os membros desta entidade desfilarán como é tradicional pola rúa Real unha semana antes desta festa. Será o día 17 de xullo ás doce e media do mediodía, cando os confrades, ataviados co seu traxe de gala (capa e sombreiro) percorran a travesía principal da vila quiroguesa, dende a Casa Consistorial ata o Auditorio Municipal.

Este solemne acto forma parte da Feira do Viño de Quiroga dende o 2012, ano no que se fundou esta congregación, que conta dende entón con 23 membros. Esta cifra é invariable, soamente se renovan cando queda algunha vacante, como ocorreu no ano 2019 cando entrou a formar parte desta institución a primeira muller confrade.

O que este ano non realizará esta irmandade será a cata dos viños participantes na feira. O presidente da Confraría, José Manuel Rodríguez, non considera que nesta edición sexa necesario, “posto que as adegas que participarán son todas adegas industriais”. O cometido dos confrades na cata dos viños era detectar calquera problema de cor, sabor ou olor que puidesen presentar as mostras dos viños artesanais que estaban inscritos para a feira, que previamente xa pasaran análises nun laboratorio.

Como remate do desfile, xa a porta pechada, os membros do gremio realizarán unha xunta xeral anual na que este ano, segundo o seu presidente,  haberá moitos puntos a tratar posto que no 2020 por mor da pandemia, non se celebrou. Un dos puntos que se porán enriba da mesa será o de fixar a data para renovar a xunta directiva.

Artigos relacionados

Back to top button