EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A Confraría dos Viños de Monterrei recibe a catro novos membros

O acto de imposición de medallas tiña lugar na tarde do 8 de agosto na igrexa da Mercé de Verín

A Confraría dos Viños de Monterrei, nacida para proxectar a imaxe destes caldos a nivel internacional, conta con catro novos persoeiros. Uníanse a ela na xornada inaugural da IX Feira do Viño de Monterrei o pasado 8 de agosto. Así a cerimonia de imposición de novas medallas desta confraría tiña como escenario a igrexa da Mercé de Verín e nela tomaban parte un cento de persoas, entre elas diversas autoridades, como é o caso do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

No decurso do acto facíase un percorrido polo pasado e presente da Denominación de Orixe Monterrei, a través dos personaxes que participaron no seu nacemento e na súa evolución nos últimos tempos. E, nese senso, distinguíase ao propio sector, outorgando dous recoñecementos aos viticultores Felisindo Prieto Arcos e Ángel Salgado Vilela. Ademais nomeábanse dous confrades de honra: Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, e Nava Castro Domínguez, directora xeral da Axencia Turismo de Galicia.

Os novos confrades xuraban “fidelidade eterna” como novos defensores do Viño de Monterrei, no momento de imposición da medalla polo Confrade Maior, Alberto Núñez Feijóo, quen aseguraba que “os mellores viños precisan dos mellores embaixadores”.

Unha vez finalizada a cerimonia, que contou ademais coa actuación musical do grupo Troque, os convidados participaban nunha velada de son e viño no Parador de Verín onde degustaban un menú creado polo parador e polo sumiller Nacho Costoya apoiándose en produtos da comarca e no que colaboraban a IXP Pemento de Oímbra, D.O. Queixo Tetilla, D.O. San Simón da Costa, D.O. Queixo do Cebreiro, D.O. Queixo Arzúa-Ulloa, IXP Pan de Cea, os embutidos de Secreto Galaico e BIOCOOP, segundo se informaba dende o Concello de Verín.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button