ConcellosÚltima hora

A conmemoración do 25N, en Trives

Este concello súmase á campaña “En Negro, Contra A Violencia”, organizando un completo programa de actos na semana do 19 ao 25 de novembro

Por segundo ano consecutivo, o Concello da Pobra de Trives súmase á campaña “En negro, contra a violencia” co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres. Os actos terán lugar durante a semana do 19 ao 25 de novembro, dando comezo o luns día 19 coa colocación das pancartas no balcón do Concello e na Torre do Reloxo e bandeiriñas na Praza do Pilón. Nesta semana faremos visible “Trives en negro”, vestindo desta cor negra todos os locais da vila que se sumen á campaña.

Ademais a directora e a asesora xurídica do CIM tamén falará co alumnado do IES Xermán Ancochea Quevedo nunha charla de sensibilidade e concienciación sobre a violencia de xénero. Nos obradoiros de memoria anuais farase especial fincapé en actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres, co fin de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres.

O venres 23 e dentro do marco da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, a obra de teatro “Loló e Mamá” será representada no Auditorio Julio Vázquez ás 20:30h. Xa o día 25, domingo, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, terá lugar a ruta de sendeirismo “Sempre libre e sempre viva”. É un percorrido de dificultade baixa, dunha hora de duración aproximadamente. A saída será ás 11 da mañá diante da Praza do Concello.

Ás 12:30h. na Praza do Pilón, farase a “Lectura Do Manifesto”, e a continuación, xa finalizando o acto, contarase cunha pequena homenaxe musical feita polo Orfeón Trivés. “Desde o Concello da Pobra de Trives estamos a traballar contra as violencias machistas e a prol da igualdade das mulleres. Todas e todos en negro, contra a violencia”, indican dende esta administración.

Artigos relacionados

Back to top button