OurenseÚltima hora

A conselleira de Política Social explicaba no Parlamento as medidas tomadas no seu departamento fronte ao coronavirus

Daba a coñecer ademais os últimos datos de casos rexistrados entre residentes e traballadores de centros de maiores galegos

A conselleira de Política Social, Fabiola García, durante a súa comparecencia hoxe no Parlamento galego.

 

A conselleira de Política Social, Fabiola García, comparecía neste 3 de abril no Parlamento de Galicia para informar sobre as medidas adoptadas dende o seu departamento para facer fronte ao coronavirus. Nese senso aludía as actuacións levadas a cabo con relación ás residencias da terceira idade galegas.

“As residencias de maiores e de persoas con discapacidade son un lugar no que conviven moitas persoas e manteñen un contacto diario e directo cos seus coidadores polo que, ao igual que outros espazos, non son inmunes ante o virus”, dicía Fabiola García.

Malia a todo, incidía en que as familias “poden ter a seguridade de que a Xunta de Galicia non dubidará en tomar as medidas que sexan necesarias para garantir a calidade asistencial en todos os centros residenciais e para iso actuará con contundencia naqueles casos nos que sexa preciso”.

Ademais concretou as medidas impulsadas desde o seu departamento desde a declaración da emerxencia sanitaria. Así, expuxo que foi no primeiro Consello da Xunta, trala declaración da emerxencia sanitaria, cando se aprobou un Plan social de continxencia dotado de medidas para atender ás persoas e aos fogares máis vulnerables.

A conselleira lembraba que o martes 24 de marzo a Xunta aprobou a tutela, por parte da autoridade sanitaria, de todas as residencias de Galicia, tanto públicas como privadas. Tamén mencionaba que se puxeron en marcha dúas residencias integradas, nas que ofrecer unha atención sociosanitaria ás persoas que se contaxiaron de coronavirus nas súas residencias.

Deste xeito, “e grazas á colaboración dos profesionais sanitarios e de moitos traballadores e traballadoras dos centros de día, puxéronse en marcha desde cero dúas residencias integradas: a dos Milagros, en Baños de Molgas (Ourense) e a de Porta do Camiño, en Santiago de Compostela. “Unha decisión pioneira que foi replicada noutras comunidades como o País Vasco, a Comunidade Valenciana ou Cantabria”, sinalaba.

Así mesmo, naqueles casos nos que o elevado número de casos fixo inviable o traslado das persoas contaxiadas, como foi o caso da residencia Barreiro, en Vigo, e a residencia de Cangas, a Xunta decidiu intervir estes centros en canto tivo o resultado das probas para garantir a calidade asistencial dos mesmos, segundo a consellería.

Subministro de material

A conselleira tamén trasladou a “preocupación constante” dos profesionais das residencias polo subministro de equipos de protección. “Unha situación agravada”, sinalou, “polos continuos cambios de opinión do Goberno central, que nun primeiro momento asumiu o subministro centralizado para finalmente trasladar a responsabilidade ás comunidades autónomas”.

Ademais Fabiola García agradeceu “a vocación e dedicación que veñen demostrando os profesionais que traballan en centros de toda Galicia porque téñense convertido, asegura, nun dos símbolos da loita contra esta pandemia”.

 

A conselleira de Política Social antes de iniciar a súa intervención.

 

 

Os últimos datos de casos nas residencias

Na súa intervención a conselleira detallaba ademais os últimos datos coñecidos sobre casos de coronavirus detectados en residencias de maiores en Galicia: 441 usuarios e 16 traballadores. Así mesmo, explicou que 49 residentes perderon a vida, 27 no propio centro e 22 no hospital. Con respecto ás residencias de atención á discapacidade, rexistráronse 46 casos en usuarios e 38 en traballadores que deron positivo e están illados nas súas casas. En definitiva, resumiu, 487 casos totais entre os usuarios, o que supón 2% do número total de prazas.

No caso da provincia de Ourense, segundo a última actualización realizada por Política Social (con datos de onte á última hora da noite), hai 12 casos de coronavirus entre os residentes de Nsa. Sra. de Fátima (O Barco de Valdeorras), 7 na Residencia de Castro Caldelas, 43 na de San Carlos (Celanova), 1 na Res. Lecer Avoíños (Coles), 25 en Ntra Sra de La Esperanza, San Rosendo (Ourense); 9 na Res. Divino Maestro, San Rosendo (Ourense), 1 na Res. DomusVi Pereiro (O Pereiro de Aguiar) e 1 na Res. Ramirás (Ramirás).

No referente aos traballadores desas residencias hai, segundo eses mesmos datos de Política Social, 4 casos en Nosa Señora de Fátima (O Barco), 3 na Res. de Castro Caldelas, 18 na de San Carlos (Celanova), 3 na Res. San José, Hermanitas (Ourense);  7 en Ntra Sra de La Esperanza, San Rosendo (Ourense);  5 na Res. Divino Maestro, San Rosendo (Ourense); 1 na Residencia Os Gozos (O Pereiro de Aguiar) e 1 na Residencia Maiores A Porqueira.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button