ConcellosO BoloÚltima hora

A construción da nova ponte de Barxa (O Bolo) custará máis de 460.000 euros

Deputación e Xunta aportarán dous terzos do orzamento, sendo de catro meses o prazo de execución

Publicidade
Reunión da comisión de reconstrución da ponte de Barxa.

 

Un mes e medio despois da súa constitución no Concello de O Bolo, a comisión de seguemento promovida desde a Deputación de Ourense para o arranxo da ponte de Barxa, volvíase reunir, desta volta na cidade de Ourense.

Nesa reunión, celebrada na mañá deste 23 de abril, acordábase que “a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia achegarán dous terzos dos máis de 462.000 euros orzamentados para a construción dunha nova ponte sobre o río Xares, que substituirá á actual, pechada ao tránsito de persoas e vehículos desde decembro de 2019 tras colapsar como consecuencia do forte caudal alcanzado por unha intensa borrasca”. A comisión creada para ofrecer unha solución aos habitantes das zonas afectadas contou nesta ocasión coa asistencia do vicepresidente da institución provincial e presidente da comisión, Rosendo Fernández; do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; do alcalde de O Bolo, Manuel Corzo; e dos deputados dos grupos políticos con representación na corporación provincial, entre eles o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández e o tenente de alcalde do Barco, Aurentino Alonso.

Os asistentes tamén decidiron solicitar con urxencia unha reunión coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, institución que tamén forma parte da comisión, pero ausente nesta convocatoria e na sesión constitutiva, para coñecer a súa participación no financiamento do proxecto. Ademais, pedirán ao organismo de conca “un informe sobre o acontecido na xornada do 20 de decembro de 2019, cando as fortes chuvias abriron unha profunda fenda no piar central da ponte sobre o río Xares que obrigou a pechar este paso da estrada municipal que une as localidades de Barxa e O Seixo”.

Nun principio, o grupo de traballo estudara a mellor fórmula para a reconstrución da ponte. Non obstante, os técnicos da Deputación desbotaron esta posibilidade polos importantes danos que presenta o paso, decidindo que a opción máis axeitada era “o derrubo da actual estrutura e a construción dunha nova nun prazo de execución de catro meses”.

 

Artigos relacionados

Back to top button