ConcellosManzanedaÚltima hora

A Cooperativa Amarelante, de Manzaneda, nun proxecto para desenvolver novos produtos derivados da castaña

A iniciativa, cunha duración de 3 anos, pretende elaborar un petisco de castaña, copos de fariña seca e leite vexetal de castaña

Castañas na Cooperativa Amarelante de Manzaneda nunha campaña anterior./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Elaborar novos produtos derivados da castaña que supoñan un almorzo e un petisco “saudable, galego e sen azucre engadido”. Con este obxectivo a Cooperativa Amarelante de Manzaneda presentaba o pasado mes de marzo unha proposta de proxecto na convocatoria de axudas a proxectos piloto da Consellería do Medio Rural. A idea é desenvolver novos produtos da dieta atlántica derivados da castaña de variedades autóctonas. O proxecto está cofinanciado co Fondo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

Estes alimentos serían, tal e como adiantan dende esta sociedade cooperativa galega, un petisco de castaña asada listo para comer (levarase a cabo o asado e marcado das castañas), copos de fariña seca (como continuación dun proxecto de investigación anterior no que se desenvolveron con éxito uns copos con castaña fresca, preténdese continuar coa mellora do produto elaboralos a partir de fariña de castaña seca ou a castaña de destrío picón, a materia prima será hidratada e para a formación do copo) e leite vexetal de castaña (elaborarase con castaña seca e/ou fariña de castaña que será hidratada para extraerlle o zume).
Todos estes produtos teñen o valor engadido de ser aptos para a poboación intolerante ao glute.

Para a realización deste proxecto necesitaranse 3 anos e contarase coa colaboración de dúas entidades de investigación que participarán no desenvolvemento dos novos produtos e do propio seguimento analítico.
Na iniciativa participa o Centro Tecnolóxico da Carne, con ampla experiencia en proxectos de I+D+I e elaboración de novos produtos, que implicará ao seu departamento agronómico e os laboratorios de análise para o desenvolvemento das castañas asadas precociñadas e dos copos de fariña e procederá ao análise nutricional e sensorial dos novos produtos.

Por outra banda, a Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela encargarase da elaboración da bebida vexetal de castaña e os seus correspondentes análises.

En canto á Cooperativa Amarelante (fundada en 2013 para recuperar os soutos abandonados para a produción de castaña e derivados), será a responsable da coordinación do proxecto e de realizar as tarefas relacionadas coa recollida e selección do froito para a súa transformación.

O desenvolvemento desta iniciativa “pretende contribuír á revalorización da castaña a través da elaboración de novos produtos transformados de maior valor engadido que incentive a promoción de novas industrias artesanais ligadas ao territorio”, tal e como resaltan dende a Cooperativa Amarelante.

Artigos relacionados

Back to top button
Close