ConcellosÚltima hora

A Cooperativa Amarelante de Manzaneda, premio Agader na loita contra o abandono

Estes galardóns entregaranse o vindeiro 21 de xuño nun acto no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón)
Unha imaxe da nave da Cooperativa Amarelante en Manzaneda, na pasada campaña de castañas./ Foto: Carlos G. Hervella.

Entre os oito galardoados da décima edición dos Premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural está Amarelante Sociedade Cooperativa Galega de Manzaneda. Esta cooperativa lograba o premio na categoría de loita contra o abandono e en prol da mobilidade de terras.

“Trátase dunha aposta polo rural a través da castaña e do cooperativismo que está a levar a cabo un proxecto de recuperación de soutos abandonados neste concello, para o aproveitamento comercial de castañas frescas, secas e en fariña”, segundo se indica dende a Consellería do Medio Rural.

En total son oito os proxectos seleccionados nesta edición, que recibirán un premio de 10.000 euros cada un, cifra que deberán reinvestir na iniciativa gañadora co obxectivo de realizar melloras, apostar pola conservación ou executar actuacións complementarias.

O conselleiro do Medio Rural, José González, felicitaba aos galardoados, entre os que está tamén o GDR Ribeira Sacra Courel; e destacaba a elevada cantidade de proxectos presentados a este certame, agradecendo a todos eles a súa aposta polo agro galego, “o que demostra que o rural galego ten futuro grazas ao seu potencial”.

Os galardóns entregaranse o vindeiro 21 de xuño no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón).

 

Artigos relacionados

Back to top button