EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaVídeosViticultura

A Cooperativa Xesús Nazareno do Barco incorpórase á marca de garantía “Galicia Calidade”

Este selo ampara os viños mencía da cooperativa comercializados coas marcas "Menciño" e "Menciño Sumun", así como os tintos en barrica 12 meses "Valdoeouro"

Publicidade

 

Entre os produtos certificados pola marca de garantía Galicia Calidade están xa viños da Adega Cooperativa Xesús Nazareno do Barco. O presidente desta entidade, Manuel Fernández, e a xerente de Galicia Calidade asinaban esta mañá na sede da adega a súa adhesión  a este selo de calidade e recibía de mans da xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, o seu certificado de uso. Así a licenza de uso deste selo ampara os viños mencía da cooperativa comercializados coas marcas “Menciño” e “Menciño Sumun”, os godellos “Abad do Castro” e “Abad do Castro Sumun”, así como os tintos en barrica 12 meses “Valdoeouro”. Estes viños están ademais amparados pola D.O. Valdeorras.

“Queremos darlle as grazas a Galicia Calidade por ternos permitido entrar neste club, apostamos por el sempre e imos seguir facéndoo, cremos nel. Este é unha homenaxe que lle facemos aos nosos agricultores polo esforzo que fan día a día e por conseguir poder estar aquí hoxe cos nosos produtos e que o día de mañá sexamos un pouquiño máis grandes todos”, dicía o xerente da cooperativa, Alfredo Vázquez, no acto, que contaba coa presenza de autoridades como o alcalde do Barco, Alfredo García, e a alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, tamén presidenta do GDR Valdeorras, así como coa do presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, José Luis García Pando.

 

 

Tamén a xerente de Galicia Calidade amosaba o seu agradecemento, indicando que “para nós é un orgullo que a Cooperativa Xesús Nazareno forme parte desta marca, entrais nunha nova etapa de Galicia Calidade, con 25 anos de traxectoria, e durante este tempo este selo convertido nunha marca moi potente de promoción para todas as empresas e produtos que forman parte dela”.

 

 

Así mesmo, Ana Méndez adiantaba que o principal obxectivo de Galicia Calidade a partir de agora é apostar pola promoción exterior das empresas e produtos amparados. “Queremos volver a relanzar o selo como marca de garantía, dándolle valor ás empresas e produtos. Queremos externalizarnos, saír fóra de Galicia, creo que temos que empezar a promover cada vez máis ás nosas empresas que teñen excelencia en calidade fóra das nosas fronteiras, a nivel nacional e internacional, e iso é o que imos potenciar cada vez máis. E que os viños da Cooperativa Xesús Nazareno queiran unirse a ese camiño é un orgullo e estamos convencidos de que aportarán, se cabe, máis valor ao selo. Así que esperemos que nesta nova andaina vaiamos todos xuntos e que sexa de moito éxito”.

 

 

Pola súa banda, o presidente da D.O. Valdeorras, José García Pando, felicitaba á cooperativa barquense por esta certificación con Galicia Calidade. “Esta cooperativa é a primeira adega en cantidade en elaboración de viño de toda a D.O., entón este é un dato moi importante e enorgullécenos que mova todos os camiños para conseguir este selo, que a parte dun recoñecemento ao seu traballo, que sexa unha ferramenta para poder vender máis viño e a mellor prezo en todos os mercados aos que se poida chegar. Dende a D.O. queremos intentar chegar a canto máis sitios mellor e comercializar o noso viño”.

 

 

O acto finalizaba coa entrega do certificado de uso da marca, así como co agasallo dun pin ao presidente da cooperativa barquense. Posteriormente tiña lugar un percorrido polas instalacións desta adega, construídas no ano 2000.

 

Finalmente o alcalde do Barco aseguraba que “este é un bo día para O Barco e a entrada da cooperativa neste selo de calidade ten que servir como un acicate, como un motivo de orgullo para que os que fixeron posible o que está sucedendo, como son os agricultores e o persoal da cooperativa, e tamén un acicate para seguir mellorando”.

“Galicia Calidade” conta nestes momentos con máis de 600 produtos e servizos certificados de 150 empresas, que engloban os sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e planta ornamental.

A Cooperativa do Barco de Valdeorras, que naceu en 1958, e fixo a primeira colleita no ano 1962. Está fortemente comprometida co cambio climático e coa sustentabilidade, conta na actualidade con máis de 300 socios e unhas 250 hectáreas de viñedo, alcanzando unha capacidade de produción de dous millóns de botellas.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button