OurenseÚltima hora

A Coral De Ruada celebra o seu centenario cun programa de actividades que se estenderá ata xuño de 2019

O 15 de decembro colocarase unha placa conmemorativa á altura de Villa Joaquina, onde tivo lugar a reunión fundacional do coro
Presentación das actividades do centenario da Coral De Ruada.

A Coral De Ruada está de aniversario. Nin máis nin menos que cen anos hai xa que botaba a andar esta senlleira agrupación musical, un dos coros máis antigos de Galicia, e para celebralo, organizaron un completo programa de actividades que conta coa colaboración da Deputación, e que se desenvolverá ata xuño de 2019.

O programa, ideado para poñer en valor a traxectoria cultural e musical da Coral de Ruada ao longo dun século, era presentada na mañá do 10 de decembro nun acto no que ademais presentábase o estandarte do centenario da coral, que recolle o escudo da institución e a data do seu centenario: 1918-2018.

A fundación da coral remóntase ao 5 de outubro de 1918 en Villa Joaquina, na avenida de Zamora, baixo o nome de O Coro de Ruada, e presentouse ao público ourensán o día 24 de xuño de 1919, no desaparecido Salón Apolo, por iso, os actos previstos para conmemorar o seu centenario desenvolveranse entre estas dúas datas tan importantes na historia desta entidade musical. Entre os actos programados figuran concertos, conferencias, publicacións, exposicións, homenaxes e actos institucionais, entre outras actividades.

O vindeiro 15 de decembro terá lugar a colocación dunha placa conmemorativa na beirarrúa da avenida de Zamora, á altura de Villa Joaquina, onde tivo lugar a reunión fundacional da Coral de Ruada; o 22 de decembro celebrarase unha misa-concerto de Nadal na parroquia de María Auxiliadora, e o día 28, o tradicional Concerto de Nadal da Coral de Ruada na catedral de Ourense. Posteriormente, o día 3 de xaneiro terá lugar o Concerto de Reis na parroquia de Santiago das Caldas, para continuar ao longo dos vindeiros meses, ata xuño de 2019, coas demais actividades do centenario.

Artigos relacionados

Back to top button