ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A Coraliña Cantora, o Orfeón Trivés e a Coral Polifónica Ecos do Ulla poñen son ao Nadal en Trives

O concerto tiña lugar na tarde do 15 de decembro no Auditorio Julio Vázquez

Un ano máis o Auditorio Julio Vázquez da Pobra de Trives enchíase de público para desfrutar do Concerto de Nadal organizado polo Orfeón Trives, no que participaron tres corais.

Na tarde do sábado 15 de decembro, os membros da Coraliña Cantora eran os primeiros en subir ao escenario, engaiolando aos asistentes coas súas voces. Este coro de voces brancas nacía no ano 2009 por iniciativa da ANPA O Recreo do CEIP Manuel Bermúdez Couso, debutando no Nadal dese mesmo ano no Certame de Corais apadriñado polo Orfeón Trivés. Dirixido por Sandra González co apartado musical a cargo de Manuel Vila, o seu repertorio inclúe cancións moi variadas de diferentes culturas cantando en galego, pero tamén en castelán, alemán, latín, francés, inglés e zulú.

A seguinte en actuar diante do público trivés era a Coral Polifónica Ecos do Ulla de Monterroso. Un coro con máis de trinta anos de historia, formado por 25 voces mixtas e dirixido actualmente por Marcos Fernández.

Como non podía ser doutro xeito, o encargado de pechar o concerto era o anfitrión, o Orfeon Trivés dirixido tamén por Sandra González. Dende o seu nacemento no ano 1991 da man de D. Luis Olano, este coro leva participado en numerosos certames, dentro e fóra de Galicia, sentíndose orgulloso de representar ás Terras de Trives alá por onde vai.

Con todo o broche final poñíano as tres agrupacións sobre o escenario, interpretando de forma conxunta unha panxoliña para felicitar as festas a todos os asistentes.

Fotos: Concello da Pobra de Trives.

Artigos relacionados

Back to top button