CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

A Coraliña Cantora vístese de gala no IV Festival de primavera de voces brancas de Trives

O concerto, celebrado na igrexa parroquial, foi a despedida dos maiores do coro trivés

Ao grande. Así foi a IV edición do festival de primavera de voces brancas celebrada na tarde do 26 de maio na igrexa do Santísimo Cristo da Misericordia da Pobra de Trives. Unha gala musical que serviu como festa de despedida dos maiores da Coraliña Cantora que deixan o coro, dando paso aos membros da Coraliña Infantil que pasan á primeira coral de voces brancas de Trives.

Organizado pola Coraliña que preside Manuel Vila, o festival comezaba en torno ás sete da tarde, contando coa participación doutros tres coros. Diante dun numeroso e entregado público, os primeiros en actuar eran os cativos do coro Escolanía Antonio Valbuena de León que interpretaron cinco temas. De seguido tocáballe o turno ao Coro da Escola de Música de Barbadás con sete temas e o Coro Infantil Cofradía Pescadores San Martiño (O Grove) con cinco.

A última en actuar era a anfitrioa dirixida por Sandra González e acompañada por varios membros da Banda de Música do Barco, entre eles o seu director, Manuel Prada, que interpretou seis temas. Algúns de forma conxunta coa Coraliña Infantil (Mantusha, La vía de los suelos -cuento de Josu El Berdin- e Kusimama) e outros en solitario (Keshet Levana, Viva la vida e Whit or whithau you).

O broche poñíano todos os coros cantando de forma conxunta dous temas: Samba Lele (Brasil) e Bonse Aba (Zambia).

Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button