EconomíaEconomíaÚltima hora

A Coroa entra na marca “Galicia Calidade”

A adega valdeorresa recibía o certificado de uso deste selo da man da directora xeral de Comercio e do xerente de Galicia Calidade
Firma do acordo entre Galicia Calidade e A Coroa./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Firma do acordo entre Galicia Calidade e A Coroa./ Foto: Ángeles Rodríguez.

O selo Galicia Calidade ampara a unha nova adega ourensá: A Coroa. Os responsables desta empresa, situada na Rúa e pertencente á Denominación de Orixe Valdeorras, recibían na mañá do 4 de decembro na propia adega o certificado de uso deste selo de mans da directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e do xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro. Con este recoñecemento os viños de A Coroa poderán incluír na súa etiquetaxe este distintivo. Trátase dos viños A Coroa, A Coroa Lías, A Coroa Ladeira Vella e 200 Cestos.

A directora xeral de Comercio deulle á benvida á nova esta adega valdeorresa “a esta gran familia, que é Galicia Calidade” e expresou o seu desexo de que “sexa fructífera esta unión”. Ao seu carón, o xerente de Galicia Calidade, incidiu no compromiso desta marca por seguir apostando pola calidade e pola promoción dos viños valdeorreses, tendo en conta ademais que esta é a segunda adega desta denominación ourensá amparada polo selo. Asemade referíuse á campaña “Galicia Calidade en ruta”, que está a percorrer as sete cidades galegas nestes días.

Asistentes ao acto de entrega certificado de uso da marca Galicia Calidade á adega A Coroa./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Asistentes ao acto de entrega certificado de uso da marca Galicia Calidade á adega A Coroa./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Pola súa banda, Roberto Fernández, de A Coroa, lembraba que esta adega ten sido un proxecto familiar, sempre enfocada na zona, en Galicia e na calidade. Ademais incidíu na súa aposta pola exportación, apuntando que os seus caldos están presentes nuns 15 países. Os participantes no acto realizaron, de seguido, unha visita polas instalacións da adega.

Artigos relacionados

Back to top button