ConcellosÚltima hora

A Corporación barquense aproba unha moción para “paliar a carencia de recursos públicos sociosanitarios da área”

Saía adiante co apoio dos PSdeG-PSOE, do BNG e de Riadá Cidadá, mentres que o PP votaba en contra

 

A situación da sanidade en Valdeorras centraba boa parte da sesión plenaria que a Corporación barquense celebraba na tarde do 6 de febreiro. Entre os puntos da orde do día figuraba unha moción sobre este tema presentada polo BNG, Riada Cidadá e PSdeG-PSOE, e que defendía o nacionalista Suso Vilasánchez.

No seu texto sinalábase que, “como consecuencia da política sanitaria da Xunta de Galicia, estamos preocupados pola situación e perspectivas da sanidade pública, tanto do noso Concello como da área de saúde á que pertencemos”. Vilasánchez plantexaba un traballo conxunto da Corpoación “para que no Barco se poida dispor e acceder a uns servizos públicos de calidade. Non se pode nin se debe admitir o deterioro do noso sistema sanitario público polos recortes e privatizacións”.

Neste senso, a moción propoñía nove acordos, entre eles, “demandar ao goberno gaelgo a adecuación dos orzamentos da Consellería de Sanidade e do Sergas ás necesidades reais dos nosos centros de saúde e dotalos do persoal necesario para garantir unha atención accesible e de calidade”, “esixir o cese da política de desmantelamento e peche de servizos nos hospitais da nosa área”, “revisar os concertos cos hospitais e clínicas privadas e eliminar aqueles que non sexa necesarios, tal e como dispón a Lei Xeral de Sanidade”, “a redución drástica das listas de espera e tempos de demora das consultas de atención especializada, probas diagnósticas, cirurxía e prodecementos terapéuticos” e “publicar as listas de espera ocultas”.

Tamén se pide “paliar a carencia de recursos públicos sociosanitarios da área, actualmente moi insuficientes, dadas as características de idade da nosa poboación”, acabar coa “política de privatizacións de recursos” e coa “política de persoal dos servizos de saúde baseada na precariedade e na explotación laboral”. Ademais no texto da moción apoiábase a manifestación que terá lugar en Santiago o vindeiro 9 de febreiro.

Deseguido tomaba a palabra a voceira do PP, Sabina Aguado, quen recoñecía que en “Galicia a sanidade é mellorable, pero sería máis fácil se usasen argumentos veraces, para panfletos bástanse vostedes sós” e criticaba o feito de que non se tivese chamado aos concelleiros populares para consensuar a moción. Citaba o aumento de prazas no Plan Galego de Atención Primaria e cuestións como a ampliación da Hospitalización a Domicilio ao conxunto do distrito de Valdeorras cun médico e unha enfermeira, “tamén se segue traballando para mellorar os tempos de esperas cirúrxicas”. E asegurou que a moción tiña fins electoralistas e que buscaba “erosionar á consellería”.

Pola súa banda, o voceiro socialista, Aurentino Alonso, que presidía o pleno en ausencia do alcalde, facía un longo repaso histórico das consencias da perda da área sanitaria de Valdeorras, “ese foi o gran mal”. E engadía que o que realmente “foi unha campaña electoralista foi a reapertura do paritorio de Verín, senón fora pola resposta social, Verín non tería paritorio”.

Suso Vilasánchez respostáballe ao PP que dicir “que isto é un planfeto é un pouco perigoso” e botaba man dunha serie de datos, entre eles os das listas de espera. “Cando collemos os datos non mentimos, non se trata de panfletos senón de realidades, isto é demoledor”. Finalmente a moción resultaba aprobada votos a favor do partido socialista, de Riada Cidadá e do BNG, mentres que o PP votaba en contra.

Na sesión plenaria tamén se aprobaba, desta volta por unanimidade, a candidatura do Concello do Barco para concorrer á convocatoria de recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia. En cambio, resultaba rexeitada unha moción do BNG que pedia un “servizo ferroviario digno para a Galicia interior”, tan só lograba o apoio de Riadá Cidadá, mentres que PP e PSdeG-PSOE votaban en contra ao non estar dacordo co primeiro dos acordos do documento, relativo ás transferencias en materia de ferrocarril interior e que plantexaba o obxectivo de “crear unha compañía pública ferroviaria galega (GALTREN)”.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button