CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

A crónica plástica do maio do 68 do valdeorrés Díaz Ferrer, en Santiago

Esta exposición, cuxo curador é o barquense Luis Enrique Rodríguez, poderá visitarse ata o vindeiro 13 de xuño na Igrexa da Universidade

Tras abrirse ao público no Barco no pasado mes de maio, a exposición “Crónica de Maio. París 1968” do pintor Jesús Díaz Ferrer (O Barco, 1922-Concud, Teruel, 2017) recala agora en Santiago de Compostela. Esta singular mostra, que retrata a intensidade e dramatismo dos sucesos acaecidos na capital gala no 68 e que Ferrer vivíu en primeira persoa, inaugurábase na tarde do 30 de maio na Igrexa da Universidade de Santiago.

O acto contaba coa presenza, entre outras persoas, do curador da exposición, o barquense Luis Enrique Rodríguez “Coquixo”, de Roberto López López, vicerreitor de Oferta Académica e Innovación Educativa da USC; e da concelleira de Igualdade, Turismo e Promoción Económica de Santiago, Marta Lois.

Esta mostra, que vén a coincidir co 50 aniversario das revoltas retratadas, inclúe medio cento de obras en papel e madeira, acrílicos e tintas augadas en cor e branco e negro. Nesta escolma de pezas latexa a temática social, que tivo “unha gran importancia dentro da súa creación. Dende os seus primeiros anos preocupoulle a pintura social”, en palabras de Coquixo.

“Tanto a nivel artístico, como documental e histórico, esta exposición adquire para nós unha importancia grande. Coñecemos os traballos de grandes fotógrafos que fotografaron o maio francés, pero, a nivel pictórico, eu non coñezo un traballo coma éste, tan fantástico e tan expresivo do que foi aquilo”, asegura Mercedes Rosón, técnica de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela.

Tamén incide Rosón no especial interese que ten poder amosar esta exposición na Igrexa da Universidade. “A parte de que programamos outras actividades en torno ao Maio do 68, polo tanto resulta moi acaído facela neste momento, é que, ademais, pegada á Igrexa da Universidade está a Facultade de Xeografía e Historia que no 68 era como a sede da universidade e alí pasaron moitísimas cousas nese ano, entón por iso adquire esa relevancia para nós”.

Esta proposta artística que se asoma dun xeito diferente ao maio do 68 poderá verse en Santiago ata o 13 de xuño, de luns a vernes e cun horario de 17h. a 20:30h.

Fotos cedidas pola Universidade de Santiago de Compostela e por Luis Enrique Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button